publicidade hoxe

O 6 de marzo remata o prazo de solicitude para as axudas aos concellos rurais para a contratación de desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as bases do programa Aprol Rural, axudas da Xunta para apoiar a contratación nos concellos rurais de Galicia ás que se destinan 5 millóns nesta primeira convocatoria, que se poderá ampliar en 2 millóns máis, para apoiar en 220 administracións locais a contratación de 430 desempregados para a realización de tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes ou outros labores relacionados co forestal. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 6 de marzo.

Este ano introdúcese como novidade nesta actuación que os contratos terán que estar relacionados coa valorización do ámbito forestal, ao tempo que se priorizará nestes apoios aos Concellos Emprendedores. Polo tanto, terán prioridade no Aprol Rural as administracións locais que se adhiran ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para fortalecer a captación de investimento en Galicia, un acordo enmarcado dentro da nova Lei de implantación empresarial.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Aprol Rural, financia o equivalente á totalidade dos custos salariais nos contratos, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social segundo estea marcado no convenio colectivo vixente no momento no que o Concello formule a súa solicitude. A duración dos contratos, como mínimo, será de 9 meses e a tempo completo. Na edición do ano pasado, un total de 214 concellos participaron no Aprol Rural, o que permitiu a contratación de 425 persoas.

Esta liña de axudas forma parte do Plan de formación e emprendemento no rural que o departamento de Economía, Emprego e Industria activou por primeira vez o pasado ano con 30 millóns de euros para mellorar as oportunidades laborais no rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.

14 de febreiro de 2018 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.