publicidade hoxe

Nava Castro destaca o compromiso da Xunta co impulso turístico dos concellos a través das numerosas liñas de axudas abertas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobeiraLocal Portada
A-
A+
Nava Castro na visita ao Concello de Lobeira

Nava Castro na visita ao Concello de Lobeira

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe o compromiso da Xunta co impulso turístico dos concellos a través das numerosas liñas de axudas convocadas polo seu departamento anualmente e das que, para a edición deste ano, está aberto o prazo de presentación de solicitudes.

Así o manifestou durante a súa visita ao resultado das obras de acondicionamento da área recreativa dos Chaos, no concello ourensán de Lobeira, ás que puxo como exemplo por ser unha das actuacións realizadas ao abeiro da convocatoria do ano pasado para mellorar a accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos e da que se beneficiaron 150 municipios. Os traballos levados a cabo en Lobeira supoñen a valorización desta zona para actividades de baño e deportes acuáticos ao pé do río Salas, no encoro das Conchas, compatibilizando o seu uso público coas actividades deportivas e fomentando o turismo activo no interior.

Ademais, e como indicou Nava Castro, a súa posta en valor turística permitirá aumentar o coñecemento sobre esta área natural e lograr unha maior sensibilización da necesidade da súa conservación, que é posible a través do turismo. Nava Castro puxo estas actuacións como exemplo do que as liñas de axudas convocadas anualmente polo seu departamento poden conseguir á hora de diversificar e distribuír os fluxos turísticos, estendendo, ademais, os beneficios económicos, sociais e culturais que xera o turismo por todo o territorio galego.

Turismo de Galicia mantén o prazo aberto para presentar as solicitudes das liñas de axudas convocadas para este ano. Inclúense as dirixidas a concellos, mancomunidades ou xeodestinos para mellorar as súas infraestruturas, que conta cun investimento total de 2,5 millóns de euros (1 millón máis que o ano pasado) e que amplía os conceptos subvencionales, pois ademais de sinalización e accesibilidade dos recursos, inclúense actuacións de embelecemento dos accesos, das contornas, dos Bens de Interese Cultural (BIC) xa declarados ou en proceso de selo e iniciativas de posta en valor turístico. O prazo para concorrer a esta liña de subvencións mantense aberto ata o 19 de febreiro.

Festas e persoal para oficinas de turismo
O apoio á promoción e difusión das 117 festas de Interese Turístico de Galicia tamén forma parte das liñas de axuda, para as que o prazo de presentación de solicitudes está aberto, neste caso, ata o 2 de marzo. Turismo de Galicia convoca, ademais, axudas para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos concellos declarados municipios turísticos de Galicia, cuxo prazo está aberto ata o 28 de febreiro.

O impulso aos concellos galegos complétase coa cuarta edición dos Premios Camiño de Santiago, dirixidos a entidades locais, asociacións xacobeas, pemes, centros de ensinanza básica e investigadores, para o que o prazo está aberto ata o 28 de febreiro. Ata o 2 de abril pódense presentar solicitudes para a segunda edición dos Premios Galicia Parabéns, tamén dirixidos aos concellos en recoñecemento ás súas iniciativas e proxectos de mellora, conservación e embelecemento das súas paisaxes e os seus núcleos de poboación.

Durante a visita ao concello de Lobeira, Nava Castro cualificou de “eficaces ferramentas” todas estas liñas de axudas ao contribuír a reforzar a calidade de Galicia como destino. En total, neste 2018 Turismo de Galicia destina máis de 5 millóns de euros en diversas accións de apoio a concellos e ao sector, que permiten dar continuidade a programas de grande éxito en convocatorias pasadas ou crear outros novos para continuar avanzando cara os obxectivos plasmados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego que traballa para consolidar Galicia como un destino de calidade, sustentable, responsable, desestacionalizado, diversificado e accesible.

12 de febreiro de 2018 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.