publicidade hoxe

Nava Castro anima ao sector hostaleiro a garantir o consumo de licores e augardentes debidamente etiquetados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilamarín
A-
A+
Nava Castro na visita ás xornadas

Nava Castro na visita ás xornadas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, animou hoxe ao sector hostaleiro galego a garantir desde os seus establecementos o consumo responsable de augardentes e licores galegos co seu correspondente etiquetado e “sen disfrazar”, para ofrecer así a maior seguridade e calidade aos consumidores.

Nava Castro fixo estas declaracións no IES Vilamarín de Ourense durante as xornadas profesionais Neste Entroido… que non chos disfracen, organizadas pola Xunta de Galicia en colaboración co Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia, que se están a celebrar esta semana en distintos centros formativos cunha moi boa resposta de público, como demostrou esta sesión celebrada Ourense, con aforo completo. A intención destas xornadas formativas é a de impulsar e concienciar sobre o potencial na enogastronomía dos destilados galegos etiquetados.

Pretenden, ademais, poñer en valor a calidade e versatilidade deste tipo de produtos na cociña galega, por iso están dirixidas por persoal técnico do Consello Regulador e combinan diferentes catas comentadas coa preparación de cócteles e pratos elaborados con produtos amparados polo Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Participan reputados enólogos, barmans e chefs.

Profesionais de calidade

“A calidade é un obxectivo común e tamén un compromiso de todos”, explicou Nava Castro referíndose, ademais, á que xa demostran os máis de 50 restaurantes galegos con Q de Calidade Turística, os 11 con Estrella Michelín, os 22 Bid Gourmand ou os 37 soles Repsol en 25 restaurantes, entre outros. “O traballo do sector está a ser valorado moi positivamente en todo o mundo e da man da formación e especialización continuaremos a seguir facendo de Galicia un destino cada vez mellor e máis atractivo para os nosos visitantes”, engadiu.

Estas sesións continuarán mañá mércores 7 de febreiro no CIFP Paseo das Pontes, en A Coruña, cunha quenda de mañá a partir das 12,00 horas para alumnos e unha quenda de tarde para o sector, a partir das 17,00 horas. A inscrición é gratuíta no correo electrónico secretaria.turismo@xunta.gal ou nos teléfonos 981 546 351 e 981 546 352.

6 de febreiro de 2018 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.