publicidade hoxe

“Mulleres en acción. Violencia zero” chega ás Neves coa actuación de Olalla Cociña contra a violencia machista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e pola deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá este mércores 7 de febreiro ás 12 horas, no IES Pazo da Mercé, á sexta intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Nesta ocasión, a protagonista da acción artística será a xornalista e poetisa Olalla Cociña, que presentará a súa acción poética Cofre de maquillaxe, unha obra que reflexiona sobre a ocultación das formas máis sutís do machismo e da violencia de xénero, aquelas que pasan desapercibidas diariamente, e a manipulación destas nos discursos mediáticos.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).

6 de febreiro de 2018 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.