publicidade hoxe

Medio Rural impulsa un proxecto piloto de mobilización de terras que afectará a 160 hectáreas de Bóveda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería do Medio Rural traballa nun proxecto pioneiro xunto coa Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela para lograr a efectiva mobilización produtiva dunha área de arredor de 160 hectáreas de terreo identificada no municipio de Bóveda con escaso aproveitamento na actualidade.

A Consellería consigna algo máis de 62.000 euros para realizar os traballos técnicos precisos para impulsar a iniciativa, cuxo obxectivo sería que os gandeiros e agricultores en activo puideran facer uso -mediante arrendamento ou na forma en que se acordara- desa extensa superficie que está infrautilizada -en moitos casos mesmo abandonada-, para o que previamente deberá converterse nunha área con continuidade e debidamente acondicionada, con accesos e pistas de conexión.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que se trata dun proxecto piloto que “conduce a un aproveitamento similar ao dun proceso de restruturación parcelaria pero cunha tramitación máis sinxela que non implica cambios na propiedade da terra”.

A iniciativa arrancou no 2015, cun convenio de colaboración entre as tres partes implicadas. A Fundación Juana de Vega e a Universidade desenvolveron as primeiras fases de selección e caracterización de zonas piloto potenciais, identificación e caracterización da demanda efectiva e deseño preliminar do protocolo de estímulo da oferta potencial.

O proxecto desenvólvese no Val de Lemos (concellos de Monforte, Bóveda, A Pobra de Brollón, Pantón, O Saviñao e Sober) polas súas especiais características en canto a produtividade agraria e o grao de abandono de terras. Das áreas inicialmente identificadas, seleccionaron unha que inicialmente cumpriría cos requisitos dos demandantes interesados, situada no Concello de Bóveda; é unha zona contigua a outra de concentración parcelaria.

Tamén constataron que hai interese no proxecto, tanto polo lado da propiedade que ofertaría as terras como da demanda potencial, sempre que a terra que se poña a disposición teña unha superficie mínima que a faga rendible e estea lista para poñerse a producir ou o alugueiro se dispoña por un período de tempo que permita amortizar a súa posta en produción. A maior porcentaxe da demanda asóciase as explotacións de vacún de leite de maior tamaño e dinamismo.

Os traballos que está a executar actualmente a consellería consisten na recompilación de documentación e visitas de campo para realizar unha diagnose preliminar de necesidades. Iniciaranse en breve os contactos na zona para o inicio dos traballos de investigación da propiedade e diversas reunións para que todos os interesados poidan coñecer o proxecto.

8 de febreiro de 2018 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.