publicidade hoxe

Medio Rural destinou 8,5 millóns de euros en axudas para plans de mellora e incorporación de mozos á actividade agraria na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra de TrivesLocal PortadaOurense
A-
A+

A Consellería do Medio Rural en 2017 investiu na provincia de Ourense unha partida de case 8,5 millóns de euros en axudas para a modernización das explotacións, con achegas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións. Estas subvencións repartíronse entre 139 explotacións e 93 mozos e mozas ourensáns que decidiron apostar o seu futuro laboral polo mundo agrogandeiro.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, ofreceu estes datos durante unha visita á explotación de vacún de carne emprazada en Sas de Xunqueira, no concello da Pobra de Trives, que foi beneficiaria destas subvencións o pasado ano. En concreto, o departamento autonómico, dirixido por Ángeles Vázquez, concedeulle unha axuda de 10.900 euros sobre un investimento total de 21.800 euros. A súa propietaria, Ángela Álvarez, destinou esta achega á adquisición dunha segadora rotativa e á execución de diversas obras de mellora dos accesos á explotación.

Marisol Díaz aproveitou esta visita para anunciar que a Consellería do Medio Rural publicará este mes a convocatoria para este ano destas axudas. A orde estará dotada con 65 millóns de euros, idéntico orzamento que na pasada convocatoria.

Novidades da vindeira convocatoria

Díaz Mouteira lembrou que, tal e como avanzou xa a conselleira do Medio Rural, a vindeira convocatoria recolle algunhas novidades para mellorar o reparto destas subvencións. Así, a delegada territorial subliñou que os expedientes presentados por mulleres puntuarán máis e que se optimizará a convocatoria no eido dos plans de mellora, para achegar estas axudas a un maior número de perceptores. Tamén puntuarán as explotacións con seguro agrario contratado e, por primeira vez e a demanda do sector, aquelas incluídas no control oficial de rendemento leiteiro.

A delegada territorial destacou a importancia destas axudas lembrando os datos de 2017, ano no que na provincia de Ourense se aprobaron 232 expedientes, dos 1.158 aprobados en toda a Comunidade autónoma. Díaz Mouteira considera que estas axudas “favorecen a modernización e ampliación das instalacións e contribúen á achega de ideas innovadoras ao sector, ao mesmo tempo que facilitan o desenvolvemento da actividade económica no rural”.

7 de febreiro de 2018 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.