publicidade hoxe

Medio Rural destaca a importancia dos selos de certificación forestal para revalorizar a madeira dos montes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, asistiu esta mañá en Lugo á apertura do curso “A madeira e a certificación FSC en Galicia”, onde destacou a importancia destes selos de certificación para garantir o acceso da madeira dos nosos montes aos mercados.

Tomás Fernández-Couto salientou que a certificación é básica para garantir a sustentabilidade e a xestión dos montes, que fan de Galicia un auténtico referente tanto dos seus valores ambientais como económicos. Por iso, o Goberno galego traballa para que se incremente o número de hectáreas certificadas na nosa comunidade, co fin de asegurar a viabilidade dos aproveitamentos forestais en xeral e dos madeireiros en particular. Para iso, asegurou, é necesario realizar un esforzo conxunto por incrementar as superficies forestais certificadas. Neste senso, recordou a nova orde xa publicada de axudas para a ordenación dos montes, paso previo para a certificación, e que permitirá incrementar en máis de 50.000 hectáreas a superficie ordenada de Galicia.

Por outra banda, Fernández-Couto explicou que esta certificación serve como medida de concienciación medioambiental, xa que permite manter ao consumidor informado sobre a procedencia dos produtos en venda provinte de montes xestionados de forma sostible. Convértese, polo tanto, nunha ferramenta de mercado que favorece a exportación dos produtos forestais, ao conter un valor engadido que beneficia a súa demanda e evita posibles barreiras comerciais.

Comunidade punteira no sector madeireiro

Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con máis do 50% do volume de cortas en España. No que respecta precisamente ás iniciativas de certificación, FSC (Forest Stewardship Council) é unha organización independente, non gobernamental, internacional e sen ánimo de lucro creada en 1993, co obxectivo de promover unha xestión forestal ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable nos bosques de todo o mundo. A maiores deste selo, tamén é representativo a PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification).

21 de febreiro de 2018 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.