publicidade hoxe

Medio Ambiente achega o contido da Guía de cor e materiais aos profesionais ligados á arquitectura e ao urbanismo de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Inés Santé, inaugurou esta mañá en Vigo a segunda das xornadas de presentación da Guía de cor e materiais de Galicia coas que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pretende achegar o contido deste documento a un amplo abano de profesionais ligados ao mundo da arquitectura, o urbanismo e o paisaxismo nas catro provincias.

Tres membros do equipo redactor da guía encargáronse de facer unha presentación técnica ante preto de trinta persoas, maioritariamente arquitectos e técnicos municipais da área de urbanismo de toda a provincia cun interese profesional por coñecer en detalle o contido do documento. A xornada rematou cun debate aberto e os participantes puideron plasmar as súas impresións sobre distintos aspectos da Guía de cor e materiais a través dunha enquisa interactiva.

No marco da Estratexia da Paisaxe Galega, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, elaborou unha Guía de cor e materiais que ten por finalidade proporcionar uns criterios e directrices técnicas obxectivas para a regulación do emprego da cor e os diferentes tipos de revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas, rururbanas e rurais das doce grandes áreas paisaxísticas en que se divide a comunidade autónoma.

O documento, presentado publicamente a finais de outubro como unha ferramenta nova para loitar contra o feísmo, constitúe un primeiro paso co que se pretende recoller o parecer de diferentes sectores públicos e privados para avanzar na conformación final da guía, así como concretar o alcance normativo que finalmente vai ter, na procura do maior consenso posible.

Por ese motivo, o Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, están a organizar varias xornadas sobre a Guía de cor e materiais de Galicia abertas a todos os profesionais e cidadáns interesados nela. Tras a presentación de hoxe en Vigo e a realizada o pasado luns en Arteixo, as dúas próximas xornadas provinciais están previstas para o vindeiro 19 de febreiro en Ourense e o 23 de febreiro en Lugo.

7 de febreiro de 2018 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.