publicidade hoxe

“Marisé e o loro Ravachol” preséntase en Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaPontevedraSilleda
A-
A+

cartel-ravachol-silledaO vindeiro sábado 24 de febreiro, Silleda acolle a presentación do libro infantil ilustrado “Marisé e o loro Ravachol” da autoría de María Fanjul e ilustrado pola lalinense Sehila Rodríguez, que publica Edicións Fervenza, un acto con actividades para os máis cativos que terá lugar ás 18.00 h na Casa da Xuventude de Silleda.

SOBRE O LIBRO

Este libro, a modo de conto, pretende que os pequenos lectores viaxen no tempo coa protagonista, Marisé, e coñezan a figura do Loro Ravachol e o seu dono, Perfecto Feijoo.

Nel descubrirase a un loro que vivía nunha botica e que chegou a converterse no centro da vida social da cidade de Pontevedra, en parte debido ao mal falado que era. Un 26 de xaneiro de 1913 apareceu morto, e, nese momento, naceu toda UNHA LENDA.

Esta historia axudará aos cativos a entender a importancia do enterro do Ravachol durante o Entroido de Pontevedra.

Cun formato encadernado con tapa dura e ilustracións a toda cor, levará aos nenos e nenas a descubrir unha fermosa historia chea de ilusión, tenrura e fantasía.

O ACTO

No acto, Sehila Rodríguez, ilustradora do libro, e María Fanjul, autora do texto, estarán acompañadas do Decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Baamonde e do xerente de Cooperativa Hoxe, Lito Andión.

Dirixido ao público máis novo, a propia autora, María Fanjul, deleitaranos co conto dramatizado de “Marisé e o loro Ravachol”. Contaremos con xogos, marionetas, globoflexia… e a actuación musical do grupo de pandeiretas da aula de música tradicional do Colexio María Inmaculada.

COLABORADORES

Este libro contou coa colaboración da concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra e da empresa de queixos Cooperativa Hoxe de Lalín.

A AUTORA DO TEXTO

María Fanjul González, nace o 3 de novembro de 1978 en Pontevedra, mostrando dende moi pequena gran interese pola súa vocación, ser mestra… e nai.

O seu labor docente iníciase no ano 2003 e, actualmente, exerce como mestra de Educación Infantil no CEIP de Parada-Campañó en Pontevedra. Será aquí onde naza este conto tratando de explicar á súa filla, e aos seus alumnos, a historia dun personaxe clave na sociedade pontevedresa, o loro Ravachol.

En canto a publicacións, no ano 2000 colabora na realización do caderno didáctico Quero coñecer a miña cidade, O centro histórico e as murallas de Pontevedra, editado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Consellería de Educación. Así mesmo, en 2017 participa como protagonista na curtametraxe “O Peregrino”, para Volvemos a Primaria, Producións Audiovisuais e Pontevedra Film Commision.

A AUTORA DAS ILUSTRACIÓNS

Sehila Rodríguez Mosquera (1985), natural de Lalín, é licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, especializándose na rama creativa co Máster en Dirección de Arte na Universidad Ramón Llull (Barcelona). 

As súas primeiras incursións laborais pasan por distintos medios e empresas de comunicación da comarca de Deza (DezTV, Faro de Vigo e Máis Deseño). Actualmente exerce labores de deseño editorial na empresa silledense Edicións Fervenza.

20 de febreiro de 2018 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.