publicidade hoxe

Licitadas por 782.000 euros as obras de ampliación e mellora da estrada DP-1102 de Cespón a Vidres, en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiro
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe a licitación, por importe de 782.718,28 euros, das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1102 de Cespón a Vidres, no termo municipal de Boiro. A este importe hai que sumarlle os 142.266,73 € destinados ás 208 expropiacións necesarias para a execución dos traballos.

As obras, que abarcarán un tramo de preto de 2 quilómetros entre os PK 0+000 e 1+700, consistirán na ampliación da plataforma da estrada, dotándoa de carrís de 3 metros (na actualidade son de 2,5 m.) e beiravías de 1 metro. O proxecto inclúe tamén unha mellora do trazado, suavizando algunhas das curvas existentes, o que axudará a dar maior fluidez e seguridade ao tráfico.

Nos primeiros 350 metros do vial manterase a sección actual e realizarase un reasfaltado e unha mellora do seu cruce co tronco da estrada ampliada. A estrada ampliarase ata a glorieta que marca o final do tramo, no PK 1+700. Tamén se inclúe a mellora dos enlaces existentes nos puntos quilométricos 0+300 e 0+720 para facilitar os xiros dos vehículos, a construción de varios muros de contención de formigón e a prolongación do sistema de drenaxe transversal existente, así coma a urbanización do tramo con saneamento, iluminación e mellora da sinalización horizontal e vertical.

Para garantir a seguridade do tráfico durante a execución das obras, estas realizaranse primeiro nun sentido e posteriormente no outro, permitindo así manter en servizo un dos dous carrís de circulación en todo momento.

As empresas interesadas en participar no proceso de licitación poden presentar as súas ofertas durante os vindeiros 26 días. Os traballos terán un prazo de execución de 10 meses a partir do seu inicio.

14 de febreiro de 2018 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.