publicidade hoxe

Licitadas as obras de execución dunha glorieta na travesía de Curtis, cun investimento de 250.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCurtisLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de reforma da intersección da estrada AC-840, en Curtis, por un investimento de máis de 237.000 euros, aos que deberán engadirse preto de 9.000 euros nos que se estima inicialmente o custo das expropiacións.

O Consello da Xunta aprobou recentemente o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación das 13 fincas necesarias para a execución desta actuación que incrementará a seguridade viaria.

O prazo para a presentación de ofertas para realizar este proxecto rematará o vindeiro 7 de marzo. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/B6aaEB

O obxectivo desta actuación é transformar en glorieta a intersección existente entre a estrada provincial DP-3204 e a AC-840 (Betanzos-lim.prov-Agolada), no punto quilométrico 21+900, coñecido coma cruce do Empalme.

Na actualidade, nese punto existe unha intersección en cruz que conta cunha visibilidade bastante reducida por mor da proximidade dun cambio de rasante, polo que a súa transformación en glorieta permitirá acougar o tráfico e permitir os xiros na estrada en condicións máis seguras.

A actuación complementa á obra que actualmente está a executar a Xunta de construción dunha senda na marxe dereita da AC-840, no tramo comprendido entre o Pq 20+145 (en Alto da Espeniña) e o 21+880 (intersección coa estrada autonómica AC-230 en Curtis), e na que se prevé mellorar outra intersección próxima, o cruce coa estrada ao cemiterio (Pq 21+240). Esta obra, que conta cun orzamento próximo a 500.000 euros estará finalizada nesta primavera.

9 de febreiro de 2018 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.