publicidade hoxe

Licitada a construción dunha senda peonil e a ampliación da travesía de Aldea Grande, en Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaLousame
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de licitación das obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP 4201, de Portobravo a Confurco, ao seu paso por Aldea Grande, no termo municipal de Lousame.

Os traballos consistirán na ampliación da plataforma e a construción dunha senda peonil nun tramo de aproximadamente medio quilómetro, entre os puntos quilométricos 3+550 e 4+020, co obxectivo de humanizar esta travesía que actualmente conta cunha estrada de aproximadamente 5 metros de ancho.

As obras comezarán co movemento de terras para conseguir un ancho de plataforma de 7,5 metros, incluíndo dous carrís de 3,25 metros cada un, e crear unha senda de 1,8 metros na marxe esquerda. Para separar a estrada da nova beirarrúa, executarase un caz de formigón prefabricado e unha beiravía de 0,3 metros.

A senda estará pavimentada cunha capa de 12 centímetros de zahorra e outros 12 de formigón coloreado. Mentres que na estrada procederase á aplicación de rego de adherencia e 6 centímetros de aglomerado.

Complementariamente, colocarase para a correcta drenaxe das augas pluviais unha tubaxe de PVC, coas súas correspondentes pozos de rexistro e arquetas sumidoiro, e unha canalización para a iluminación pública. Tamén se executarán dous muros de pedra granítica de 25 e 60 metros de lonxitude, para a contención de terras.

60 quilómetros de sendas na provincia

A Deputación da Coruña impulsa actualmente, a través do departamento de Vías e Obras, a construción de máis de 27 novos quilómetros de sendas en estradas provinciais de 16 concellos da provincia.

Dende o inicio do actual mandato, o goberno presidido por Valentín González Formoso aprobou investimentos por importe de máis de 3,5 millóns de euros para a creación de sendeiros que axuden a incrementar a seguridade vial dos peóns nas marxes da rede provincial de estradas.

O obxectivo, segundo explican dende o departamento provincial de Vías de Obras que dirixe o deputado José Manuel Pequeño, é acadar os 60 quilómetros de sendas ao final do mandato.

6 de febreiro de 2018 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.