publicidade hoxe

Lalín acolle en febreiro seis novos obradoiros do programa “Smartpeme”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá, durante o mes de febreiro seis novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita do mes na oficina “SmartPeme” de Lalín terá lugar este mércores 7 de febreiro co curso “Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas”. Tras este primeiro obradorio, o martes 13 de febreiro, impartirase “Edición de fotografía para plataformas e-commerce”. Tamén esa mesma semana, o xoves 15 de febreiro, terá lugar o curso “Redes Sociais para a empresa. É Twitter a túa solución?”. Seguindo cos cursos do mes de febreiro, o luns 19 terá lugar “Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial” e o xoves 22 “Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google? Por último, o luns 26 de febreiro, impartirase o obradoiro “Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura?”. A oficina “SmartPeme” de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma as e os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de “SmartPeme” no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo hai itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial das e dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

6 de febreiro de 2018 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.