publicidade hoxe

Galicia busca investimentos cara ao seu ecosistema de emprendemento innovador no principal foro mundial do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta no OurCrowd Global Investor Summit

O presidente da Xunta no OurCrowd Global Investor Summit

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, finalizou hoxe a súa viaxe a Israel visitando o foro de investimento a nivel internacional de micromecenado 2018 OurCrowd Global Investor Summit. Unha convocatoria de referencia mundial no ámbito do capital risco, onde se dan cita investidores de todo o mundo e startups, e na que Galicia participou co obxectivo de atraer investimentos, colaboración e alianzas estratéxicas nun dos mercados máis innovadores do mundo.

“Estamos a falar dun evento que rolda os 7.000 asistentes procedentes de máis de 80 países no que preto de 100 startups presentan os seus proxectos. Polo tanto, este foro é un lugar que a Galicia lle interesa desde o punto de vista económico e tecnolóxico”, dixo, incidindo na oportunidade que supón para as empresas galegas coñecer as principais novidades nos sectores máis punteiros, así como contactar con investidores.

Nesta liña, Feijóo salientou que a Comunidade dispón dun bo número de aceleradoras en sectores estratéxicos nos que as empresas do país son referentes: a Business Factory Auto, en colaboración con PSA; ViaGalicia, con Zona Franca; Agrobiotech, na que colabora Coren; a incubadora de fármacos que promoven Janssen e a Fundación Kaertor; as dúas nas que participan Telefónica e Vodafone, no sector TIC; e a futura aceleradora que se porá en marcha no ámbito aeroespacial, aproveitando o potencial do polo de Rozas; xunto cos proxectos que desenvolven as 30 Unidades Mixtas de Investigación.

O presidente da Xunta lembrou que en todas elas hai ideas e proxectos dispoñibles para investir e achegar coñecemento e fixo fincapé en que a Xunta está a acometer unha intensa política de impulso ao investimento no tecido produtivo: con facilidades fiscais e administrativas; co asesoramento da Oficina Doing Business; e co apoio financeiro necesario a través das sociedades de capital risco. “Calquera empresa que queira situarse en Galicia, que necesite financiamento, capital risco, axudas e incentivos da administración, ten a súa disposición a Xunta con ferramentas como a Oficina Doing Business e a Lei de impulso industrial para facilitar as tramitacións burocráticas, e co Plan Innova 2020”.

Sobre este último punto, resaltou que este plan, que conta cunha mobilización de preto de 1.800 millóns de euros, está destinado á transferencia de coñecemento, á innovación e á creación e impulso das empresas. “Porque queremos acompañar ás ideas, ás startups, aos centros de coñecemento para que crezan, para que maduren e para que posteriormente teñan un impacto directo na creación de emprego”, abundou.

Visita ao Museo do Holocausto e remate da viaxe

Logo deste foro, o presidente do Goberno galego visitou o Museo da Historia do Holocausto, un lugar onde recordar os maiores crimes da historia da Humanidade e render homenaxe ás vítimas.

Con esta visita, Feijóo puxo fin á súa estancia en Israel, na que acompañou a unha vintena de empresas, clústers e centros tecnolóxicos galegos nesta misión comercial por un dos países que máis inviste en innovación; cuxo 45% do PIB o compoñen industrias de alta tecnoloxía, en sectores como o aeronáutico, o das telecomunicacións ou o da biotecnoloxía; e unha de cada 12 startups no mundo é israelí.

Con estas cifras, o responsable do Executivo autonómico recalcou a oportunidade desta viaxe para identificar os factores que converteron este país nun referente do emprendemento tecnolóxico e para buscar formas de implantalos en Galicia.

Pola súa banda, Galicia presentou o traballo que están realizando os seus sectores estratéxicos; a súa rede de apoio ao emprendemento innovador; e expuxo o que a innovación significa hoxe en día para a economía galega a través do Plan Innova 2020.

“En definitiva, imos seguir traballando. As pontes de contacto está feitas e Galicia é unha terra aberta ás ideas, ao capital risco e ao investimento produtivo”, concluíu, asegurando que Galicia seguirá apostando por este modelo, no que as empresas, centros de coñecemento e Administración van da man.

1 de febreiro de 2018 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.