publicidade hoxe

Francisco Conde salienta que Galicia aposta polo talento e que a innovación é a gran aliada do emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor o talento e a creatividade que existe en Galicia salientando que son claves para o emprendemento. “Temos que fundamentar a nova economía sobre a cultura do emprendemento, o que significa facer unha aposta polo tanto e as novas ideas”, apuntou, ao tempo que fixo referencia a que a innovación xoga, polo tanto, un papel determinante e é a gran aliada do emprendemento.

O titular de Economía destacou a importancia de facilitarlles aos emprendedores o traslado das súas ideas de negocio ao mercado no transcurso da clausura do programa Galicia, Camiño Emprender, unha iniciativa organizada pola Fundación Ronsel na que 200 emprendedores de 11 países abordaron ao longo de cinco días as claves do proceso de nacemento dunha empresa.

Os autónomos e emprendedores, a través deste programa, tiveron a oportunidade de identificar as 10 competencias que debe ter un emprendedor de éxito entre as que Conde resaltou a persistencia, a toma de riscos calculados, a exixencia constante de calidade ou a fixación de metas. Nas diferentes xornadas que se desenvolveron expuxéronse as ferramentas para poñer en marcha unha simple idea ata que ve a luz pasando pola fase de testeo ao mercado para pulir o produto final.

O titular de Economía sinalou como un dos retos no ámbito do emprendemento seguir apostando por vincular o sistema académico ao sector privado, fomentando o coñecemento científico-tecnolóxico xa desde o eido educativo. Do que se trata é de que os proxectos innovadores acaben converténdose en startups punteiras. Neste contexto, en palabras de Conde, xoga tamén un papel destacado a aplicación das novas tecnoloxías a cada un dos proxectos para xerar maior impacto no mercado.

O conselleiro apuntou que o emprendemento é unha prioridade para a Administración autonómica que conta, entre outras ferramentas, cunha rede de espazos coworking para madurar unha idea de negocio con asesoramento de expertos. Gracias a esta rede de aceleradoras, que apoia a Xunta, en colaboración con importantes empresas, como PSA, Vodafone, Telefónica, Coren ou Jonhson&Jonhson, e centros tecnolóxicos, puxéronse en marcha destacados proxectos de diversos sectores: automoción, as TIC ou o biotecnolóxico, entre outros.

Así mesmo, no eido do emprendemento, a Xunta conta cos programas Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprednde, axudas para que tamén poidan xurdir negocios das moitas posibilidades que ofrece o rural galego. A convocatoria desta última iniciativa está aberta ata o 26 de marzo. Ademais, a Estratexia Autónomo 2020 volve a contar este ano cun orzamento de 40 millóns de euros para impulsar e consolidar o traballo de 10.000 autónomos galegos. Grazas a esta planificación puxéronse o pasado ano en marcha axudas novidosas como o Bono Autónomo de ata 3000 euros para apoiar a consolidación da actividade ou a ampliación en 16 semanas a bonificación do Estado para a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade do autónomo.

Ademais, este ano xa se activaron as axudas para o inicio de actividade que se poden solicitar ata o 1 de outubro coas que se prevé beneficiar a 4000 autónomos. Ata esta data tamén poden solicitarse os apoios para a contratación indefinida.

Tamén destacan os apoios da Administración autonómica para a expansión comercial, un programa que fomenta a posta en marcha de proxectos pop-up. A Xunta destina este ano 4,5 millóns de euros para modernizar o comercio galego, abrir novos establecementos ou reformas integrais e promover o uso das tecnoloxías dixitais, o comercio on line e as redes sociais.

23 de febreiro de 2018 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.