publicidade hoxe

Feijóo: “os bos resultados dos contratos programa reflicten o talento, ideas e combustible do sistema educativo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente da Xunta na xornada

Intervención do presidente da Xunta na xornada

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que os bos resultados dos contratos programa reflicten o talento, as ideas e o combustible do sistema educativo para seguir impulsando o motor de Galicia. Durante a xornada Contratos- programa: Un plan para cada centro, Feijóo lembrou que hai xa sete cursos que a Administración autonómica puxo en marcha de xeito experimental esta iniciativa de innovación educativa co obxectivo de promover a propia autonomía dos centros para que cada colexio e instituto deseñase, a principio de curso, un plan de mellora que axudase a solucionar os desafíos pendentes.

“Os propios centros son os que diagnostican os problemas e a Xunta intenta achegar os recursos necesarios para buscar un tratamento”, aseverou, subliñando que ao longo destes anos se ampliou a tipoloxía dos centros que podían solicitar contratos-programa, abríndose tamén aos centros de FP, educación especial ou ensino para adultos; e ampliáronse os ámbitos de mellora para os que se pode solicitar apoio, pasando de cinco a sete: reforzo, orientación e apoio (PROA); mellora das competencias clave; mellora da convivencia e promoción da igualdade; prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; mellora do nivel de coñecementos no camiño á excelencia; mellora da calidade na xestión; e, desde este curso, tamén reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica.

Así mesmo, resaltou que esta iniciativa superou con nota a avaliación dos seus beneficiarios cun notable, oscilando entre o 7 e o 8 a maioría das valoracións recibidas desde os centros. “E se en 2011 dispuñan de contratos-programa 144 centros, hoxe téñeno máis do triplo: 473. Se en 2011 beneficiaban a 11.600 alumnos, hoxe son doce veces máis: 140.000. Se hai seis anos participaron 464 docentes, ese número hoxe multiplícase por 25, e xa son 11.700 os profesores que se implican neles. Así mesmo, para este curso contratáronse 233 profesores de apoio para o alumnado do PROA. E se en 2011 a Xunta investiu case 2 millóns neste eido, hoxe os fondos suman un investimento total de case 21 millóns de euros ao longo destes sete cursos”, dixo.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse a casos concretos como: o do CEIP Plurilingüe de Pedrouzos, en Brión, onde o 70% dos alumnos que participaron no programa melloraron os seus resultados e se reduciu un 90% o número de repetidores; ou o do IES Castro Alobre de Vilagarcía, onde baixou un 16% o número de expulsións e se apostou pola vía da mediación educativa.

A menor taxa de abandono escolar desde que hai rexistros

En relación aos resultados en xeral, Feijóo subliñou que sete de cada dez centros que participaron en plans de reforzo, orientación e apoio melloraron os seus resultados por riba do 40%; seis de cada dez alumnos que participaron en actuacións de mellora de competencias matemáticas, lingüísticas ou científicas aprobáronas en xuño; na metade dos centros de infantil e primaria reduciuse nun 40% a taxa de abandono escolar respecto do curso pasado; e en sete de cada dez institutos caeron en máis do 20% as faltas de asistencia ou puntualidade inxustificadas.

O presidente da Xunta tivo tamén unha mención especial ao IES Xulián Magariños de Negreira, que confiou desde o primeiro momento nos contratos-programa e logrou así os mellorar os resultados académicos en máis dun 20%; e reducir o abandono e absentismo escolar nun 50% nestes anos.

Feijóo concluíu resaltando e agradecendo o traballo e compromiso de todos os profesionais do sistema educativo galego que, día a día, poñen de manifesto o nivel e a calidade da educación pública, con novos métodos e novas ideas para seguir consolidando Galicia como referente en materia educativa. Non en van, a Comunidade galega conta coa menor taxa de abandono escolar desde que hai rexistros; cunhas taxas en 2017 por debaixo do 15%, o que significa ter cumprido o obxectivo da UE ata 2020.

23 de febreiro de 2018 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.