publicidade hoxe

Feijóo aposta por seguir traballando para consolidar a expansión da economía e o emprego cualificado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta na clausura do encontro

O presidente da Xunta na clausura do encontro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe por seguir traballando xuntos empresas, centros de coñecemento e Xunta para consolidar a expansión exterior da economía galega, a súa actividade innovadora e o emprego cualificado.

Durante a clausura do IV Encontro para directivos líderes de Galicia: 100 Consellos para o 2018, Feijóo aseverou que, pola súa banda, a Comunidade galega seguirá xerando confianza e poñendo as máximas facilidades ao investimento a través, por exemplo, da Lei de implantación empresarial.

No tocante á expansión exterior, o responsable do Executivo galego referiuse aos últimos datos de exportacións como a proba manifesta de que os produtos galegos son competitivos en calidade e en prezos. Unha cifras que en 2017 volven marcar un récord superando, por primeira vez, a barreira dos 21.000 millóns de euros e cunha suba do 8,2% no global do ano.

“Fomos capaces de exportar máis ca nunca e de ter unha balanza comercial cun superávit de 4.500 millóns de euros, converténdose Galicia en termos de PIB na comunidade con maior balanza comercial de España”, precisou, ao que engadiu que en 2017, máis de 2.400 empresas galegas exportaron con regularidade, é dicir, que exportaron durante os últimos catro anos de forma continuada.

Ao longo da súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que o éxito das exportacións vai moi ligado á visión estratéxica das empresas galegas para innovar e ofrecer produtos de calidade diferenciada que logren conquistar novos mercados. “E para iso, consideramos que a fórmula mellor acaída –reiterou- é a colaboración público-privada, a alianza entre empresas, centros de coñecemento e Administración”.

Nesta liña, recordou que esta colaboración é a que está a facer posible, por exemplo: que a automoción galega estea a conseguir avances pioneiros no eido da condución autónoma da man de PSA; que a industria agroalimentaria poida adiantarse ás novas tendencias de consumo; que sectores como o biotecnolóxico investiguen novos fármacos na primeira incubadora de España, que é galega; ou que o aeronáutico se consolide na Comunidade como un sector de referencia desde o polo tecnolóxico de Rozas, en Lugo.

Sobre este último punto, precisou que hoxe mesmo se publican no DOG as dúas últimas licitacións para o emprego de drons no ámbito da seguridade aérea e a xestión forestal. Dous dos moitos proxectos que se están a desenvolver en Rozas para impulsar o uso de avións non tripulados en determinados servizos públicos.

Así mesmo, subliñou que esta conexión é a que se quere reforzar co Plan Galicia Innova 2020 que, cunha mobilización de 1.775 millóns de euros, ten como obxectivo aumentar o número de empresas innovadoras, o gasto empresarial en innovación e o persoal empregado en I+D.

Novos perfís profesionais, formación á carta

O titular da Xunta aseverou ademais que a formación é, neste momento, máis importante que nunca, xa que os contornos de traballo nas empresas son cada vez máis tecnolóxicos e especializados e se precisa man de obra cualificada, insistindo na importancia do tecido empresarial para orientar os itinerarios formativos ás demandas dos novos perfís profesionais.

“Precisamos do tecido empresarial para orientar os itinerarios formativos ás demandas dos novos perfís. Por iso desde a Xunta estamos a apostar pola formación ‘á carta’; é dicir, axustada ás necesidades das empresas”, abundou, referíndose ás unidades formativas para traballadores e desempregados e ao programa de cursos de formación en centros homologados, concretamente, nun dos sectores onde hai maior demanda neste momento, o naval, onde se están formando 1.000 traballadores.

Feijóo concluíu destacando a importancia deste foro onde se propuxeron ideas sobre como unha empresa pode reinventarse e crecer; como abrir novos horizontes de negocio; que facer para que o cliente sempre estea satisfeito; ou sobre como construír unha empresa desde cero.

21 de febreiro de 2018 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.