publicidade hoxe

Deputación de Pontevedra e Concello de Soutomaior fan oficial o acordo para mellorar o acceso peonil ao novo instituto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSoutomaior
A-
A+

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Soutomaior fixeron hoxe oficial o acordo para mellorar o acceso peonil ao novo instituto na EP-2908. A presidenta provincial Carmela Silva, acompañada do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, asinou co alcalde Agustín Reguera o convenio de colaboración, que establece que do orzamento total de 176.191,46 euros as arcas provinciais aportarán o 70% e o goberno local o 30%.

A actuación foi impulsada polo departamento de Mobilidade que dirixe o deputado Uxío Benítez. O nacionalista confirmou hoxe que Augas de Galicia xa autorizou a obra e só resta que a Deputación reciba o escrito formal para poder iniciar a contratación, que se prevé inminente. Unha vez sexa adxudicado o contrato haberá un prazo de execución de tres meses, polo que salvo complicacións administrativas de última hora o novo acceso ao instituto será unha realidade para o inicio do curso escolar.

As obras, segundo explicou Benítez, consistirán na construción dunha nova senda peonil de 2,5 metros de largo e 205 metros de lonxitude na marxe dereita da estrada, conectando o último treito de beirarrúa existente na EP-2908 co novo IES. Para garantir a seguranza viaria na zona tamén se instalarán elementos de calmado do tráfico na calzada – pasos de peóns sobreelevados- e mellorarase a iluminación con novos báculos ao longo do percorrido.

Por outra banda, e para mellorar a contorna do novo centro, a Deputación tamén impulsou unha modificación da urbanización proxectada polo Concello na fronte do instituto, modificando as beirarrúas deseñadas con 1,80 metros de largo e ampliándoas ata os 2,5 metros, para igualar a sección coa nova senda peonil.

O deputado de Mobilidade explicou que grazas á obra impulsada pola Deputación o centro educativo tamén poderá dispoñer de saneamento. Aproveitando a obra da mellora peonil instalaranse novos colectores e un bombeo para conectar co sistema xeral de Arcade, unha actuación que tiña que afrontar o Concello de Soutomaior e que se asume no proxecto provincial.

O deputado de Mobilidade puxo de manifesto que a senda peonil que se construirá en Soutomaior é un exemplo da nova maneira de traballar do departamento provincial de Mobilidade que, dende súa chegada á Deputación, mudou a filosofía con respecto ás prioridades dos proxectos de mellora de estradas poñendo o foco nas persoas e apostando por unha Estratexia de Mobilidade 3.0 na que os eixos de actuación son a seguridade, a sustentabilidade e a inclusión.

Benítez tamén quixo lembrar que o convenio asinado hoxe establece que, como contrapartida á realización da actuación na EP-2908, realizarase a transferencia dun treito doutra estrada provincial coincidinte coa rúa Rosalía de Castro dentro do núcleo urbano, que pola súa tipoloxía pasará a ser municipal.

Modelo de mobilidade

A presidenta da Deputación de Pontevedra, pola súa parte, destacou que o convenio asinado hoxe co concello de Soutomaior está asentado “nun principio fundamental de Goberno para a Deputación de Pontevedra que é o respecto á autonomía local”. Silva destacou que “somos das poucas administracións que non lle impoñemos aos concellos as prioridades senón que os escoitamos e atendemos as súas necesidades”.

Amais, a presidenta provincial subliñou que xunto ao respecto á autonomía local o convenio asinado tamén resposta ao novo modelo de mobilidade que a Deputación de Pontevedra está a espallar pola provincia. Neste eido, Silva asegurou que “as persoas que diriximos administracións temos a obriga de facer un esforzo pedagóxico de cara a cidadanía, de conseguir que se sumen a estes novos valores da mobilidade, de explicarlles que no século XXI non se poden acometer infraestruturas que non estean baseadas na accesibilidade, na seguranza viaria e na mobilidade, en que as persoas se sitúen en primeiro termo á hora de tomar as decisións”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación engadiu que “ata fai moi pouco a prioridade eran os coches e non se tiñan en conta ás persoas e á súa capacidade de moverse libremente e con seguridade e este convenio garante que as persoas son o eixo principal da actuación”.

Exemplo de colaboración entre administracións

Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior Agustín Reguera destacou que a actuación de mellora da mobilidade peonil para o acceso ao novo instituto a través da estrada provincial é unha obra moi importante para o concello, xunto coas da construción do propio centro educativo, así como da urbanización da contorna deste, que desenvolverá o propio concello. “Trátase dun exemplo de colaboración entre administracións”, explicou o rexedor.

Reguera indicou que “a Deputación está a poñer máis cerca o instituto do núcleo urbano facendo esta senda peonil, que dará facilidade de acceso andando aos rapaces que queiran ir a pé”, mais tamén destacou que “esta é unha zona que non só dá acceso ao instituto, senón que tamén alí está o campo de fútbol e ao cemiterio: é unha zona importante de servizos”, polo que “por iso o noso agradecemento”, insistiu.

21 de febreiro de 2018 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.