publicidade hoxe

Cultura impulsa o programa de formación en arquivística para o que convoca 20 bolsas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación impulsa o programa de formación en materia de arquivos coa convocatoria de 20 bolsas, destinadas á cualificación técnica relacionada cos procesos do ámbito arquivístico e dos fondos documentais. Cultura destina un total de 107.406 euros á convocatoria de 2018, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Os bolseiros realizarán a súa actividade nos arquivos aos cales sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

Con esta nova convocatoria ofrécese unha formación teórico-práctica –impartida por profesionais con experiencia e coñecemento neste ámbito– que, engadida á formación académica, contribúe a completar o currículo académico dos bolseiros e bolseiras, nas técnicas e aptitudes necesarias que faciliten a súa inserción no mundo laboral, cun contacto directo co labor dos arquivos. Ao mesmo tempo, axudan na conservación, protección, promoción e difusión dos arquivos galegos.

Os destinatarios das bolsas son os titulados superiores con formación en historia e/ou arquivística, que non estean traballando ou gozando doutra bolsa no momento da solicitude e que non se beneficiaran anteriormente desta convocatoria. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 6 de marzo.

Bolseiros formados

Ao abeiro desta convocatoria, os bolseiros e bolseiras que se formaron o pasado ano 2017 realizaron tarefas de descrición de fondos nos sete arquivos dependentes da Secretaría Xeral de Cultura; nos arquivos municipais de Cee, de Curtis, do Valadouro, de Pontedeume, de Sober e de Viana do Bolo, onde traballaron na organización e informatización dos fondos; nos arquivos municipais de Bergondo, de Ribeira e de Foz, nos que se centraron na descrición e subida de imaxes dos libros de actas ao Arquivo Dixital de Galicia; e nos arquivos xudiciais das audiencias provinciais da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra, nos que traballaron na descrición de fondos.

O traballo destes bolseiros traduciuse na subida de 21.463 imaxes ao Arquivo Dixital de Galicia e na introdución de 26.627 entradas no Sistema de Información de Arquivos Xeral. O orzamento do programa —unha prórroga do de 2016— foi de 107.406 euros, aos que hai que sumar os 4.567,20 euros en pagos asociados á Seguridade Social.

6 de febreiro de 2018 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.