publicidade hoxe

Comezan as obras de construción dunha senda peonil na estrada Aguiño-Carreira (Ribeira)

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRiveira
A-
A+

A Deputación da Coruña comezou esta semana as obras de construción dunha senda destinada a mellorar a seguridade vial dos peóns na estrada provincial DP 7306 de Aguiño a Carreira pola Graña, no concello de Ribeira, que supoñen un investimento de 82.788,90 euros.

Os traballos contan cun prazo de execución de cinco meses, polo que se esperan que podan estar rematadas este verán.

A nova senda peonil discorrerá nun treito de arredor de 580 metros, entre Cares e A Graña, onde enlazará con outra beiravía construída recentemente pola Deputación e que conecta co lugar de Vixán.

Para a súa construción empregaranse materiais acordes coa contorna na que se sitúa. Actualmente conta cun pavimento de terra compactada que fai que se formen charcos que dificultan a circulación dos viandantes, nunha estrada que conta cun intenso tráfico de vehículos, o que xustifica a construción desta nova infraestrutura co obxecto de mellorar a seguridade peonil.

A nova senda construirase con aglomerado asfáltico, ampliando a zona de paso onde sexa posible para que os peóns poidan transitar sen riscos. O ancho mínimo será de 1,50 metros no tramo sinalado e contará con beiravías de ancho variable, cun máximo de 0,50 metros.

O proxecto contempla ademais a construción dunha rede de drenaxe de pluviais con tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro en paralelo á senda con arquetas e sumidoiros.

30 quilómetros de sendas peonís

A Deputación da Coruña impulsa actualmente, a través do seu departamento de Vías e Obras, a construción de 30 novos quilómetros de sendas en estradas provinciais de 17 concellos da provincia.

Dende o inicio do actual mandato, o goberno presidido por Valentín González Formoso aprobou investimentos por importe de máis de 3,5 millóns de euros para a creación de sendeiros que axuden a incrementar a seguridade vial dos peóns nas marxes da rede provincial de estradas.

O obxectivo do departamento provincial de Vías de Obras é acadar os 60 quilómetros de sendas ao final do mandato.

23 de febreiro de 2018 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.