publicidade hoxe

Cividanes destaca que o investimento en innovación é clave para o crecemento e a internacionalización das empresas galegas

Juan Cividanes na visita ás instalacións de Congalsa

Juan Cividanes na visita ás instalacións de Congalsa

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe nunha visita que desenvolveu a Congalsa, na Pobra, que a aposta continuada das compañías pola innovación é clave para o seu crecemento económico e internacionalización, poñendo como exemplo a esta compañía do Barbanza, que, na actualidade, emprega a máis de 300 traballadores e conta con presenza en 28 mercados internacionais, cunha facturación o pasado ano de 72,5 millóns de euros.

Cividanes avaliou cos directivos da firma, especializada na transformación e distribución de produtos do mar, as posibilidades de mellora competitiva e internacionalización que poden acadar as empresas mediante os investimentos innovadores en xeral e, en concreto, os centrados na dixitalización ou na fábrica 4.0.

O director do Igape, neste senso, amosouse convencido de que o crecente compromiso das empresas galegas coa mellora da súa competitividade é unha das claves que explican os continuados avances das exportacións galegas, que medraron un 8,4% o pasado ano e acadaron os 21.676 millóns de euros, marcando un novo récord histórico por segundo ano consecutivo. Destacou tamén que a Xunta está a apoiar proxectos tanto no ámbito da fábrica intelixente como no da promoción das exportacións, que impulsan o crecemento da economía galega e a creación de emprego de calidade.

Cividanes salientou igualmente que o comportamento dos principais sectores estratéxicos da economía galega está a xogar un papel crucial para acadar os resultados das exportacións galegas. Destacou, neste sentido, o comportamento de ámbitos como o naval, o metalúrxico, o do moble, o téxtil ou as industriais agroalimentarias no seu conxunto, que incrementaron as súas vendas ao exterior nun 13,6% en 2017, impulsadas en boa medida polas vendas de conservas e mariscos, que medraron un 19,3%.

Congalsa, cunha capacidade de produción de 40.000 TM anuais, con máis de 50.000 metros cúbicos de cámaras frigoríficas e máis de 60 clientes en máis de 28 países, é unha compañía especializada na elaboración de produtos precociñados ultraconxelados con base de pescado e marisco. Emprazada na Pobra do Caramiñal, esta empresa está apostando, en palabras de Cividanes, “pola mellora continua dos seus procesos coa incorporación da innovación e está decidida a dar o salto ao modelo de produción 4.0, que está a impulsar a Xunta a través da Axenda Industria 4.0”.

26 de febreiro de 2018 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.