publicidade hoxe

Carmela Silva destaca o crecemento da oficina de SmartPeme do Porriño na súa visita ás instalacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na visita á SmartPeme do Porriño

Carmela Silva na visita á SmartPeme do Porriño

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá as instalacións de SmartPeme no Porriño acompañada do deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios; da alcaldesa do Porriño, Eva García, e de dúas mulleres responsables de proxectos empresariais de éxito que recibiron asesoramento por parte deste servizo da institución provincial. Silva fixo balance dos resultados e funcionamento da oficina, “unha das máis activas da provincia e que non para de medrar. Durante o 2017 realizáronse 378 asesoramentos, un 66% máis que en 2016, e impartíronse 80 talleres aos que asistiron 452 persoas, un 32% máis que o ano pasado”

As instalacións prestan asesoramento nas comarcas de Vigo e do Baixo Miño, é, tal e como apuntou a presidenta da Deputación de Pontevedra, “O Porriño tiña que estar neste programa porque é un dos grandes centros de actividade económica da provincia.” Sobre o proxecto, Silva explicou que “queremos acercar as novas tecnoloxías a todos os emprendedores e emprendedoras da nosa provincia e ás pequenas e medias empresas, que son o 90% da actividade económica, para que teñan máis e mellores beneficios que acaben xerando riqueza e emprego.”

A presidenta provincial reuniuse con Ángeles Paz e Jana Kadlecová, usuarias da oficina de “SmartPeme” no Porriño. Ángeles Paz, de Dronval S.L., empresa centrada no marketing turístico que presta servizos aéreos con drones para fotografía e vídeo, contou que “non tiñamos apoio ata que atopamos SmartPeme, onde asistimos a moitos obradoiros, mesmo cando nos parecían alleos á nosa actividade, e onde sentimos o respaldo dende o primeiro momento”. Tamén traballan en eventos deportivos, produción audiovisual, vídeo corporativo, publicidade, deseño e mellora da imaxe corporativa. “SmartPeme” ofreceulle asesoramento dixital, planificación de estrutura e contidos do seu futuro sitio web, así como asesoramento para o seu posicionamento orgánico. Tamén lle ofreceu un análise de redes sociais e web para monitorizar os resultados e achegoulle ferramentas de deseño para optimizar a súa imaxe online.

Pola súa banda, Jana Kadlecová, da empresa East West Experience, centrada no marketing turístico e que ofrece aos restaurantes a posibilidade de promover os seus menús e ás persoas usuarias de localizar menús a prezo fixo en función da súa ubicación xeográfica e preferencias gastronómicas, afirmou que “SmartPeme axudoume a superar a barreira do medo de enfrontarme a Internet e ás redes sociais”. SmartPeme ofreceu á empresa asesoramento en marketing, información para optimizar a súa plataforma web realizada en wordpress e ferramentas de analítica web para monitorizar os resultados. Tamén proporcionoulle datos relativos a plataformas de construción de apps móviles para proxectos asociados á súa actividade, xeración de contidos a través do blog para a mellora do posicionamento e atracción do público obxectivo. Carmela Silva resaltou que “destas reunións unha sempre sae con optimismo ao ver que hai moita xente con ideas creando negocios adaptados ás necesidades do século XXI” e engadiu que “o noso programa permitiulles coñecer todas as ferramentas existentes nas TIC para responder as novas necesidades.”

1 de febreiro de 2018 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.