publicidade hoxe

ButacaZero une a Galiza tradicional coa do século XXI en #Camiños, este sábado no Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCalendarioLocal Portada
A-
A+

A compañía ButacaZero unirá este sábado 10 de febreiro as nosas aldeas e as nosas cidades no Teatro Colón coa súa obra #Camiños. O espectáculo está promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

Baixo a dirección de Xavier Castiñeira, as actrices Pia Nicoletti, Celina Fernández, Noa Covelo, Noelia Blanco e Esther F. Carrodeguas son as protagonistas dunha obra que nos mostra unha viaxe xeracional desde a perspectiva máis millenial na procura dunhas raíces “esquecidas?”

Partindo da idea de que as aldeas se baleiran cada día, ButacaZero reflexiona sobre o que significa Galiza no século XXI, os nosos tópicos e a relación entre a imaxe estereotipada que se ten de nós desde fóra e a nosa realidade a tráves duhna peza de teatro moi físico, textual, divertido e sorprendente.

#Camiños preséntanos a Celia, que viaxa cara aos EEUU e Daiana, neta dunha emigrada galega que volve de Arxentina, mentres comparten asento no aeroporto. Entre elas debúxanse miles e miles de #Camiños que unen as aldeas coas cidades, a música folk convive coa electrónica, as bicicletas de spinning coas letras de Castelao, Rosalía ou Manuel María e onde os selfies conviven cos sachos e as fotos viradas a sepia coas que acabamos de colgar en Instagram…. Un aluvión escénico que fará que os espectadores non poidan ficar indiferentes.

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga directamente co mundo actual: un teatro necesario. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.

Entradas á venda na billeteira do Teatro ou na web www.teatrocolon.es

7 de febreiro de 2018 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.