publicidade hoxe

‘Antonio e Cleopatra’ de Tiago Rodrigues e a estrea en España da última creación de Israel Galván abren o programa de Escenas do Cambio 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A versión minimalista, pero igual de brutal, de Tiago Rodrigues de ‘Antonio e Cleopatra’ de Shakespeare abre hoxe, xoves, o Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción ‘Escenas do Cambio’. O Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, acollerá ás 20.30 horas, esta traxedia de amor clásica, reinterpretada polo director do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa —e unha das grandes voces do teatro europeo— que vén de percorrer teatros de todo o mundo cun enorme éxito.

Ao día seguinte, o festival permitirá gozar da estrea en España da última creación de Israel Galván. O ‘bailaor’ demostrará co seu zapateado único que un libro tamén se pode bailar. Esta proposta a tres bandas xunto Pedro G. Romero e Filipe Tacq ten as entradas esgotadas desde a pasada semana, ao igual que a función de Tiago Rodrigues.

A partir desta representación do venres de Israel Galván, o festival partíllase por diferentes espazos emblemáticos da capital de Galicia, desde a Cidade da Cultura ao Salón Teatro, ao Teatro Principal, ao CGAC e á Sala Magán para ofrecer, ata o 10 de febreiro, 13 espectáculos procedentes de cinco países (España, Portugal, Siria, Francia e Italia), que supoñen as últimas creacións de grandes nomes do panorama nacional e internacional como Maria Arnal & Marcel Bagés, Edurne Rubio, Mursego, Miguel Pereira, Mithak Alzaghair, ou Mohamed El Khatib.

Funcións da primeira semana

Esta primeira semana do festival tamén concentrará outra das estreas en España de ‘Escenas do Cambio’, ao do espectáculo participativo ‘Garage’, de Voadora. A compañía galega subirá ao escenario do Salón Teatro, o sábado día 3, non só un coche real, senón a traballadoras da PSA Citroën en Vigo.

Estas mulleres darán a coñecer a súa experiencia nun mundo laboral tan convencionalmente masculino como é a industria do motor, tal e como fixeron traballadoras francesas da mesma fábrica cando, en colaboración de MA Scène Nationale – Pays de Montbéliard, Voadora montou e estreou esta obra en Francia o pasado mes de setembro.

Tras saír desta representación, e no mesmo casco antigo de Santiago, o público poderá desprazarse ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para deleitarse coas melodías e creacións de Maite Arroitajauregui (Eibar, Eukadi), máis coñecida como ‘Mursego’. A presenza en ‘Escenas do Cambio’ desta voz única e multinstrumentista confirma a aposta do festival por rescatar artistas fóra dos circuítos comerciais e que se resisten a deixarse atrapar polo sistema cultural imperante.

Peche da semana con ‘Reality’

Nesta mesma liña tamén se inscriben obras como a de ‘Finir en Beauté’, do marroquí afincado en Francia Mohamed ‘El Kathib’, unha peza sobre perdas persoais (a morte da nai), á vez que sobre a historia colonial francesa e o diálogo entre culturas, que se representará o domingo, día 4, no Museo Centro Gaiás.

Pechará a programación da primeira semana de ‘Escenas do Cambio’, a orixinal proposta dos italianos Daria Deflorian e Antonio Tagliarini con ‘Reality’. Esta obra está baseada no diario real dunha muller polaca que ao longo de máis de 50 anos escribiu nun caderno absolutamente todas as cousas que lle sucederon na súa vida cotiá: chamadas feitas e recibidas (38.196), onde a quen lle dixo bos días (23.397) ou cantas citas tivo (1.922).

Toda a información polo miúdo destes espectáculos e dos seis que se programarán a semana que vén, do 8 ao 11 de febreiro, pódese consultar en www.escenasdocambio.org, desde onde tamén se poden adquirir as entradas.

1 de febreiro de 2018 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.