publicidade hoxe

Ángeles Vázquez enxalza a IXP Vaca e Boi que permitirá consolidar o sector cárnico e ofrecer garantías aos consumidores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaSilleda
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata a empresa Frigoríficos Bandeira (Silleda) para asistir ás primeiras certificacións de canais baixo o amparo da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia. Alí, destacou a importancia deste selo para o sector cárnico galego, pois incorpora máis transparencia comercial e ofrece garantías aos consumidores.

A conselleira explicou que a finalidade da IXP é poñer en valor a carne en fresco procedente das vacas e dos bois que se producen en Galicia, así como potenciar o seu consumo e evitar o uso indiscriminado de termos que identifican un produto sen acreditalo. Neste senso, Ángeles Vázquez insistiu en que este selo de calidade supón unha oportunidade para revalorizar os produtos cárnicos galegos, que teñen unha calidade óptima e un prestixio ben coñecido dentro e fóra das nosas fronteiras.

O sector da carne galega ocupa o terceiro lugar en España, só superado por Cataluña e Castela e León. A nosa produción representa o 15% do total nacional, sendo ademais Galicia a segunda autonomía en número de cabezas de gando, cun 16% do total. Por todo isto, matizou a conselleira, podemos asegurar que esta indicación vai ter un gran futuro, e máis se vai da man da IXP Ternera Gallega, pois ambos selos están integrados nun órgano de dirección e xestión común que é o Consello Regulador das IXP´s de Carne de Vacún de Galicia.

Acompañada polo presidente desta nova IXP, Jesús González, a conselleira supervisou a etiquetaxe das 14 primeiras canais feitas en Frigoríficos Bandeira, que se sumarán ás de Novafrigsa (Lugo) e Suministros Medina (Betanzos). Actualmente, a IXP Vaca e Boi conta con 186 explotacións gandeiras e 19 industrias cárnicas inscritas, aínda que as expectativas pasan por que a medio prazo se acollan arredor das 10.000 granxas e que en sete ou oito anos se alcancen as 25.000 canais e se comercialicen unhas 8.500 toneladas de carne vacún maior de calidade.

Características da IXP

A IXP ampara a carne fresca e casquería procedentes de vacas e bois de Galicia, que se comercializa en todo tipo de cortes e pertenzan ás principais razas de gando vacún existentes en Galicia: rubia galega, morenas galegas, asturiana dos vales, limusina, rubia de Aquitania, pardo alpina e frisona. Para que sexan recoñecidos como tal, os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse na nosa comunidade. A día de hoxe hai algo máis de 3.700 animais rexistrados, dos cales 3.648 son vacas e 59 son bois (máis de 48 meses para o seu sacrificio).

A través deste selo de calidade, preténdese así acabar cunha etiquetaxe fraudulenta do uso de termos como carne, vaca ou boi galego, entre outras. A partir de agora, será necesario demostrar a rastrexabilidade destes produtos e que cumpren as características que se establecen no prego de condicións.

9 de febreiro de 2018 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.