publicidade hoxe

Ángeles Vázquez anuncia unha nova orde de axudas en exclusiva para os sectores da horta e da planta ornamental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ángeles Vázquez no anuncio da orde de axudas. Foto: X. Crespo

Ángeles Vázquez no anuncio da orde de axudas. Foto: X. Crespo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe unha nova orde de axudas destinada en exclusiva á agricultura e cultivo de flores e planta ornamentais. Explicou que esta orde, que se comezará a elaborar agora, ten por obxectivo apoiar a este sector e que non parta en desvantaxe fronte a outros máis grandes como o lácteo na orde de subvencións que comparten como son os plans de mellora.

A intención será, por tanto, crear unha convocatoria específica para este ámbito e así lograr tamén a modernización e mellora das explotacións agrícolas que ata o de agora lévanse unha pequena porcentaxe das axudas de apoio aos investimentos nas explotacións.

Non foi a única novidade que anunciou a conselleira. “Estamos a traballar na publicación da convocatoria de axudas para a creación de organizacións de produtores”, indicou Ángeles Vázquez. Isto supón unha oportunidade para aglutinar os sectores da planta, dos viveiros e a floricultura, mellorar o seu peso e, polo tanto, facilitar a comercialización dos seus produtos.

Así o explicou hoxe a conselleira nunha xornada sobre seguros agrarios para o ámbito dos viveiros, as plantas e as flores que se celebrou en San Caetano co obxectivo de informar aos produtores da orde de axudas para a contratación de pólizas en Galicia para o ano 2018 dotada con cinco millóns de euros. De feito, esta consellería está a organizar xornadas divulgativas con todos os sectores produtivos para informar das características das liñas de seguro específicas que son obxecto de axuda por parte de Medio Rural.

Coa aprobación destas axudas, que se suman ás outorgadas polo Ministerio de Agricultura a través de Enesa e que poden chegar ao 65% do custo da póliza, a Administración autonómica consolida o seguro agrario como ferramenta eficaz e fiable ante os riscos naturais no sector agrario, permitindo aos agricultores a obtención de rendas dignas en caso de sinistros e achegando estabilidade á xestión das súas explotacións.

23 de febreiro de 2018 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.