publicidade hoxe

Analíticas de Saúde Pública detectan a ausencia de cloro nalgúns puntos da rede de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

A Consellería de Sanidade, no marco do programa de vixilancia sanitaria, notificou ao Concello de Vigo e a empresa municipal encargada do servizo de abastecemento da auga na cidade a detección de varios episodios de ausencia de cloro residual na auga nalgúns puntos da rede de abastecemento da cidade, concretamente en ata seis acometidas nos barrios de Teis e Canido.

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado pola xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijóo, e a xefa de sección de Sanidade Ambiental, Mercedes Domonte, informou hoxe en rolda de prensa da ausencia deste oxidante en preto de 40 análises desde o pasado mes de decembro.

Segundo dixo o representante do Goberno galego, atendendo unicamente aos últimos dous meses, un total de 47 mostras, 22 delas recollidas polos farmacéuticos de Saúde Pública e outras 25 por técnicos da empresa encargada do servizo municipal, marcan valores de 0 miligramos por litro de cloro e, en consecuencia, a auga non ofrece garantía sanitaria. Isto é que, no suposto caso de producirse unha contaminación bacteriana da auga, non habería desinfectante residual para eliminala.

Cómpre sinalar que é fundamental manter nas redes de distribución pequenas cantidades de cloro libre residual, desde as potabilizadoras ata as acometidas dos consumidores, co obxectivo de garantir a correcta desinfección da auga. A normativa, aplicable a todas as redes de abastecemento, en materia de criterios sanitarios da calidade de auga de consumo humano, recolle un valor máximo de 1 miligramo por litro. Neste senso, a recomendación é que existan niveis de concentración mínimos de 0,2 miligramos por litro e máximos de 1 miligramos por litro.

Deste modo, as análises realizadas polos técnicos sanitarios confirman varios episodios de ausencia de cloro residual desde o pasado mes de decembro. Situación que se mantén segundo as últimas mostraxes tomadas tanto polos técnicos de Sanidade como polos de la empresa do servizo municipal de auga, e que detectan cloro 0 ata en seis acometidas dos barrios vigueses de Teis e Canido. Incumprimentos reiterados que, no que lle compete a Sanidade, foron comunicados consecuentemente ao Concello de Vigo e a empresa concesionaria do servizo municipal.

Sanidade observa así resultados dos que haberá que estar especialmente pendentes, tal e como subliñou a xefa territorial de Sanidade. De modo que, indicou, a Consellería manterá activos os seus controis, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos. Así, lembrou que son os concellos os que deben garantir que a auga subministrada aos consumidores a través de calquera rede de distribución sexa apta para o consumo e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria encargada do servizo municipal.

20 de febreiro de 2018 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.