publicidade hoxe

Amtega e Fundación Vodafone impulsan o uso dos smartphones e as tabletas entre as persoas maiores a través de rede Cemit

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Fundación Vodafone, pon en marcha preto de 40 actividades formativas en diversas localidades con aula CeMIT destinadas a introducir principalmente ás persoas maiores de 45 anos no manexo dos teléfonos móbiles “intelixentes” e das tabletas, así como nos seus diferentes usos e aplicacións.

Estas actividades, que comezan o luns 26 de febreiro, chegarán a un mínimo de 20 aulas da Rede que ofertan máis de 600 prazas libres e gratuítas distribuídas entre os meses de marzo a novembro. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos e de tabletas para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo.

As vantaxes que ofrece o uso destes terminais tecnolóxicos para as persoas maiores son innumerables en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…), a posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…), maior relación cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…), un acceso máis rápido a información (noticias e prensa on-line…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde), en calquera lugar e a calquera hora.

As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.

As persoas interesadas na asistencia a estas iniciativas formativas poderán consultar as as datas de realización por localidades na páxina web da rede CeMIT, onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas organizadoras para resolver ás dúbidas que poidan xurdir á hora de formalizar a súa inscrición

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

Fundación Vodafone

A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente. dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove diversos programas de formación con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación e a excelencia docente nas novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Outros obxectivos da Fundación son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios. www.fundacionvodafone.es

23 de febreiro de 2018 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.