publicidade hoxe

A Xunta reforzará os servizos de autobús entre Lalín e Pontevedra a partir do vindeiro luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Xunta de Galicia reforzará a partir do vindeiro luns os servizos de autobús da liña entre Lalín e Pontevedra.

Esta liña disporá de 7 viaxes diarias de ida, con saída de Lalín ás 5:50 (con parada na Brilat), 6:50, 7:30, 11:00, 12:20, 16:30 e 20:20, e 6 relacións de volta, con orixe en Pontevedra ás 9:15, 12:15, 15:35, 16:00, 17:00 e 19:00, con reforzos en período lectivo nos fins de semana en ambos sentidos.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda solicitoulle á empresa adxudicataria desta liña a análise co Concello de Lalín en relación á aplicación de descontos aos usuarios de ida e volta, así como da posibilidade de establecer bonos para os viaxeiros que empregan os servizos con maior frecuencia.

No que se refire aos percorridos entre Lugo e Vigo, cómpre sinalar que se manteñen dous servizos directos por sentido sen transbordo os venres e os domingos, que son as xornadas de maior demanda por mor dos desprazamentos dos estudantes.

A Xunta tamén vén de coordinar os horarios desta liña co obxectivo de que a viaxe entre Lalín e Vigo se manteña nunha duración dunhas dúas horas, levándose a cabo un único transbordo en Pontevedra, cunha espera inferior aos 15 minutos. Para isto, venderase un único billete en Lugo, Lalín ou Vigo.

En relación á viaxe entre Antas de Ulla e Lugo, a partir do luns, tamén se restablecerá de luns a venres, lectivos, o servizo con saída ás 7 horas do municipio lucense, continuando por Monterroso ata a estación de Lugo.

Co obxectivo de mellorar a mobilidade dos veciños destes concellos lucenses, engadirase un servizo co mesmo percorrido anteriormente relacionado, que sairá ás 9:40 horas de Antas de Ulla con dirección a Lugo.

21 de febreiro de 2018 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.