publicidade hoxe

A Xunta reforza o seu compromiso coas mulleres en risco de exclusión social a través do Padroado Concepción Arenal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
José Manuel Rey Varela na entrega do vehículo á entidade

José Manuel Rey Varela na entrega do vehículo á entidade

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, fixo entrega hoxe dun vehículo para o Padroado Concepción Arenal, unha entidade ferrolá que traballa en prol das mulleres que se atopan en risco de exclusión e dos seus fillos e fillas. O obxectivo desta acción é facilitar o transporte das usuarias, así como dos produtos e alimentos que se precisan para o seu benestar e para o correcto funcionamento do centro que xestiona a entidade. Na actualidade, as instalacións acollen a 11 usuarias adultas, unha nena e un bebé. Así mesmo, ao servizo de comedor acoden cinco nenos e nenas máis.

Ademais desta colaboración a través da entrega dunha furgoneta, a Xunta de Galicia mantén liñas de colaboración económica co Padroado Concepción Arenal coa fin de consolidar os programas e accións que desenvolve. Na convocatoria da orde de axudas a entidades para as anualidades 2017-2018, o Padroado recibiu unha achega económica de 35.455,99 euros destinados maioritariamente ao funcionamento do centro de acollida e á adquisición do vehículo do que hoxe se fixo entrega.

Rey Varela sinalou que a traxectoria desta institución fai que sexa un referente no eido social, indo máis alá de dar acollida a mulleres que precisan de axuda senón tamén realizando para elas proxectos personalizados de inclusión social e laboral. Ao respecto, o conselleiro indicou que é fundamental o respaldo das administracións e o traballo conxunto con entidades que, como esta, sitúanse ao carón das mulleres que sufriron violencia de xénero, que son vítimas da trata de persoas, que están embarazadas e non contan con respaldo familiar ou social ou mulleres estranxeiras sen recursos. Deste xeito, a Xunta de Galicia ten en marcha un programa de mediación intercultural en colaboración coa entidade a través da Secretaría Xeral de Igualdade.

O titular autonómico felicitou aos membros e socios deste Padroado, polo encomiable labor que realizan a diario en prol da igualdade e da inclusión das mulleres que máis o precisan.

12 de febreiro de 2018 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.