publicidade hoxe

A Xunta reafirma o compromiso coa proxección exterior da creación literaria galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa proxección exterior do sector editorial galego. “Nese obxectivo estamos a traballar conxuntamente coa Asociación Galega de Editoras (AGE) para establecer novas vías de actuación que permitan impulsar a competitividade empresarial do sector e o seu acceso a novos mercados”, afirmou.

“A Secretaría Xeral de Cultura vén realizando un intenso labor de planificación, cooperación e traballo conxunto no ámbito cultural da internacionalización e da proxección da creación cultural galega”, explicou Anxo Lorenzo na súa intervención en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre a presenza galega nas feiras internacionais do libro. Lorenzo presentou as novas vías de colaboración coa difusión exterior do sector editorial galego que lle propuxo o seu departamento á AGE e que pasan pola asistencia anual a cinco feiras internacionais do libro cun stand que represente o sector editorial galego e a cultura de Galicia.

Stand e material promocional

“O compromiso da Xunta”, matizou o responsable de Cultura, “é o de poñer ese stand ao dispor de todos os axentes do sector editorial galego –estean ou non integrados en asociacións sectoriais–, tanto para a realización de reunións comerciais como para a exhibición dos títulos das editoras galegas interesadas en darlle visibilidade á súa produción”.

A elaboración conxunta de materiais impresos e/ou electrónicos para difundir as novidades editoriais e os creadores e creadoras actuais da literatura galega e a súa visibilidade na rede a través dun portal web que sirva de escaparate do sistema editorial galego no ámbito internacional son outras das actuacións propostas pola Xunta de Galicia para impulsar a difusión internacional do libro galego.

A internacionalización, obxectivo prioritario

Nese sentido, a Consellería de Cultura e Educación apoia a promoción da produción editorial a través do Galician Books for Children & Young Adults, un catálogo trilingüe en galego, castelán e inglés para dar a coñecer a produción galega máis recente dirixida ao público infantil e xuvenil. A AGE contará con esa publicación, elaborada en colaboración con Gálix, na Feira Internacional do Libro de Boloña, á que á asociación vai asistir con medios propios.

Ademais, Galicia estará presente cun stand nas feiras internacionais do libro de Buenos Aires –onde a comunidade galega participa desde a súa primeira edición– e Guadalaxara (México), un dos principais encontros culturais de América.

Outras actuacións

Anxo Lorenzo lembrou outras actuacións do seu departamento “encamiñadas a reforzar a visibilidade do libro galego e a presenza da nosa industria editorial no exterior”, como a liña de axudas á tradución de carácter bianual, dotadas con 200.000 euros, que permiten verter a diversos idiomas textos escritos orixinalmente en galego; a colección Galician Classics, de títulos de referencia da literatura galega traducidos ao inglés; o portal web da literatura galega en inglés (Portic of Galician Literature) cunha mostra de obras de referencia de diversos escritores e escritoras galegos, ou outras iniciativas como o Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, dirixido por Yolanda Castaño na Illa de San Simón, “que se enmarcan no noso obxectivo de reforzar a presenza internacional do libro e da literatura galega no mundo”, concluíu o secretario xeral de Cultura.

22 de febreiro de 2018 | 16:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.