publicidade hoxe

A Xunta presenta en Santiago as novas axudas de dixitalización e comercialización para impulsar o comercio e a artesanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na praza de abastos de Santiago de Compostela nun encontro con comerciantes no que lles informou sobre as axudas da Xunta para apoiar este ano, con preto de 4,5 millóns de euros, a modernización e impulso do pequeno comercio e dos obradoiros artesanais galegos.

A través de tres iniciativas, financiaranse proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; e programas da competitividade da artesanía galega.

O obxectivo destas convocatorias, que xa se publicaron no Diario Oficial de Galicia (DOG) a pasada semana, é ofrecer, segundo destacou Vázquez Abeal, un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Deste xeito, impúlsase entre o comercio e os obradoiros artesáns galegos a súa presenza na rede, a incorporación de ferramentas TIC de xestión e a mellora da loxística coa implantación do packaging axeitado.

Por unha banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con máis de 3,1 millóns de euros a dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade deste ano, tamén artesanais para a implantación de solucións dixitais que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral dun local.

O investimento subvencionable, segundo o tipo de axuda solicitada, poderá ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda será en todos os casos do 50%. A Xunta incrementa o orzamento destinado para esta convocatoria en preto dun 59% con respecto ao ano pasado, cando se adicaron dous millóns de euros.

Doutro lado, en canto á liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, conta cun orzamento dun millón de euros e poderanse beneficiar pemes e, no caso do desenvolvemento dun proxecto pop up, tamén comerciantes on line e, como novidade, fabricantes. A directora xeral de Comercio explicou que o que se pretende é impulsar a apertura de novos establecementos comerciais por titulares doutro comercio cun mínimo de dous anos de antigüidade, así como proxectos pop up por un prazo máximo de dous meses nun concello distinto onde se veña exercendo a actividade. No primeiro caso o investimento subvencionable máximo vai dos 3000 aos 60.000 euros e no caso das iniciativas pop up vai ata os 8000 euros. En todos os casos cóbrese o 50%.

Por último, apóiase con 255.000 euros o fomento da comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. As axudas, dirixidas á promoción a través da participación en feiras e certames e a organización de eventos feirais, están destinadas a obradoiros artesanais, asociacións profesionais de empresarios e artesáns e concellos. As axudas máximas serán de 8000, 30.000 e 15.000 euros respectivamente e a intensidade pode chegar ao 80%. O orzamento aumenta en máis dun 18% con respecto ao ano pasado.

Con estes tres programas, a Xunta, segundo salientou Vázquez Abeal, agarda impulsar o comercio e a artesanía galegas coa finalidade de potenciar un tecido comercial diverso, moderno, competitivo e de calidade; adaptalo ás novas realidades co obxectivo de gañar en competividade e mellorar a imaxe dos centros urbanos das cidades facéndoos máis atractivos. Estas liñas permitiron, en 2017, apoiar preto de 375 proxectos con case dous millóns de euros.

Estas axudas reforzaranse con outras accións dirixidas a potenciar os espazos comerciais e o asociacionismo cun orzamento adicional de catro millóns de euros e enmárcanse no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020.

7 de febreiro de 2018 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.