publicidade hoxe

A Xunta presenta a convocatoria Conecta Peme co obxectivo de mobilizar 50M€ no fomento da innovación empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Patricia Argerey na presentación de Conecta Peme 2018

Patricia Argerey na presentación de Conecta Peme 2018

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, inaugurou a xornada de presentación da convocatoria Conecta Peme 2018 en Santiago de Compostela ante máis de medio cento de axentes do Sistema Galego de Innovación. Argerey contextualizou esta nova edición da convocatoria dirixida a apoiar proxectos de I+D+i de agrupacións de empresas dentro dos retos marcados para o novo Plan Galicia Innova 2020, en cuxa consecución resulta crucial o papel das pequenas e medianas empresas e a cooperación entre elas. “Queremos máis pemes innovadoras e que as pemes innoven máis”, sinalou a directora de Gain e engadiu: “eliximos o lema Galicia 2020: un territorio para innovar porque aspiramos a consolidar un modelo de crecemento sostible baseado na I+D+i como factor clave para garantir a competitividade da nosa economía e dar resposta aos retos aos que se enfronta a sociedade galega”.

Incrementar a competitividade das empresas galegas é precisamente o obxectivo principal desta liña de axudas que ademais persegue fomentar a cooperación entre os axentes do Sistema Galego de Innovación. Nesta cuarta edición, que se publicará mañá, 8 de febreiro no Diario Oficial de Galicia, o orzamento medra un 8% respecto da anterior, acadando os 27 millóns de euros, co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. Con este investimento público, espérase mobilizar un total de 50 millóns de euros a través de arredor de 70 proxectos de I+D+i. Dende a súa posta en marcha en 2013 esta iniciativa conseguiu xerar investimentos por máis de 100 millóns de euros a través de 133 proxectos de cooperación nos que participaron preto de 520 empresas.

As principais novidades desta edición, segundo informou Patricia Argerey, son que se valorarán máis aqueles proxectos de I+D que estean máis próximos ao mercado e que recibirán máis puntuación aqueles que creen máis emprego. Ademais, aumenta de dous a tres o número mínimo de empresas que deben participar no consorcio e limítase a intensidade da axuda para aquelas empresas que participen en tres ou máis proxectos, co obxectivo de favorecer a concorrencia.

Os beneficiarios da convocatoria son agrupacións de empresas, entre tres e seis, formadas por alomenos unha peme e como máximo unha grande empresa. O orzamento dos proxectos debe ser de entre 500.000 e 1,5 millóns de euros e a intensidade da axuda varía dependendo do tamaño da empresa e do tipo de proxecto, chegando aos límites máximos permitidos por Europa. Os proxectos deben estar aliñados cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia e valorarase positivamente a participación no proxecto dun organismo de investigación.

7 de febreiro de 2018 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.