publicidade hoxe

A Xunta pon á disposición das familias galegas 520 prazas en escolas infantís para cativos de 0 a 3 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación dun novo concurso público para contratar 520 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís.

Como principais novidades respecto ao anterior concurso, que se puxo en marcha hai tres anos, Feijóo subliñou que se amplía a oferta total un 20%, 96 prazas; e que, dentro delas, 20 corresponden a dous municipios nos que a Administración autonómica non ofertaba prazas públicas: Monforte de Lemos e Ponteareas.

Cómpre subliñar que a duración deste contrato, ao igual que o anterior, será de tres anos, e o seu valor estimado ascende a 6 millóns de euros, dividíndose a contratación en nove lotes por áreas: sete para as cidades e as súas áreas de influencia e outros dous para os municipios antes citados.

O presidente da Xunta aseverou que estes contratos pretenden garantir unha oferta suficiente de prazas nas mesmas condicións que nas escolas públicas, naqueles concellos onde a rede pública a día de hoxe non cobre a totalidade das demandas das familias.

Feijóo concluíu lembrando que neste curso, as familias galegas contan con 23.516 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís, ás que hai que sumar as 235 prazas en 47 casas niño. “O obxectivo é que en 2020 todos os municipios de Galicia conten cun recurso de conciliación”, dixo.

No curso 2018/19, o número de prazas será maior, grazas ás cinco novas escolas infantís públicas que se abrirán en Ourense, Santiago, Lugo, Mos e A Estrada, cun total de 402 novas prazas; e ao concurso público aprobado hoxe no Consello.

22 de febreiro de 2018 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.