publicidade hoxe

A Xunta organiza en Redondela unha xornada sobre as novas formas de formación en prevención de riscos laborais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRedondela
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), organiza mañá a xornada técnica Novas formas de formación en prevención de riscos laborais: gamificación e realidade virtual, que se celebrará a partir das 10:00 horas no centro do Instituto na provincia de Pontevedra, emprazado en Rande (Redondela).

A iniciativa, que pechará a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, servirá para analizar a situación actual da formación en prevención de riscos laborais, abordando a diversidade dos métodos de ensino que existen na actualidade. O obxectivo é analizar e estudar as vías correctas para dar cumprimento á obriga empresarial de formar a cada un dos traballadores en materia preventiva. Na xornada tratarase a introdución das novas tecnoloxías neste campo, no que xoga un papel destacado a gamificación, o uso de elementos de xogo en contextos formativos, introducindo regras, competencias ou premios para motivar a participación activa do alumnado. Do que se trata é de aprender a previr os riscos laborais a través do xogo.

Na xornada, ademais, abordarase o uso das diferentes aplicacións que se poden utilizar para aumentar a competitividade das empresas, mellorando o traballo en equipo.

Neste senso, é preciso salientar que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia está a traballar na aplicación Alertas_ISSGA que ofrecerá aos traballadores unha ferramenta de información e sensibilización sobre boas prácticas en materia de prevención de riscos laborais en distintas actividades de xeito didáctico, ameno e sinxelo. O obxectivo é achegar os contidos técnicos das publicacións do ISSGA de xeito gamificado para que a información sexa accesible en todo momento, por exemplo, a través dos dispositivos móbiles.

15 de febreiro de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.