publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta mobiliza terra agraria para conservar o patrimonio natural e crear unha rede de parcelas de alto valor xenético

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTrasmiras
A-
A+
Ángeles Vázquez plantando carballos en Trasmirás

Ángeles Vázquez plantando carballos en Trasmirás

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou esta mañá no concello ourensán de Trasmiras na plantación de 1.000 carballos, no marco dun convenio de colaboración coa Fundación Juana de Vega para a potenciación e mellora do carballo galego. Alí, a conselleira salientou que este tipo de proxectos permiten conservar o patrimonio natural de Galicia e reforzar as variedades autóctonas a través dunha rede de parcelas de alto valor xenético.

Este proxecto, no que traballan o centro de investigación forestal de Lourizán, o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) e a propia Fundación Juana de Vega, ten como finalidade crear unha serie de plantacións de quercus robur máis variadas que as que existen na actualidade. Para iso estanse reunindo árbores de diferentes procedencias xeográficas da mesma zona climática, co obxectivo de lograr parcelas cun alto valor xenético en terreos propiedade da comunidade autónoma.

Ángeles Vázquez incidiu en que este traballo vai precisamente en consonancia cos puntos marcados na revisión do Plan Forestal de Galicia. Neste senso, sinalou que se pretende aumentar a superficie arborada ocupada por piñeirais e bosques de frondosas caducifolias, de forma que se favorezan sobre todo bosques de especies propias como é o caso dos carballos, fronte á expansión de especies foráneas. A conselleira matizou que é importante favorecer a alternancia, descontinuidade e diversidade da paisaxe forestal galega pero sempre apostando polas variedades autóctonas e contribuíndo á mellora da biodiversidade.

Campos de experimentación

Os campos de experimentación onde se leva a cabo este proxecto están localizados en tres predios, propiedade do Banco de Terras, das provincias da Coruña, Lugo e Ourense. No primeiro caso, está no concello de Santa Comba e ten unha extensión de 9.500 metros cadrados; outro no concello lugués de Chantada, cunha superficie de 6.959 metros e, por último, a situada no concello de Trasmiras, con 9.968 metros.

Logo dunha primeira fase onde se levaron a cabo labores de replanteo durante o verán e preparación do terreo no outono, comézase agora coa plantación de exemplares seleccionados previamente en dous viveiros de Lugo e Pontevedra.

5 de febreiro de 2018 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.