publicidade hoxe

A Xunta licita o equipamento para a Rede dixital de vixilancia dos espazos forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O operador público Retegal vén de publicar a licitación para adquisición e instalación das cámaras que integrarán a Rede de Vixilancia dos espazos forestais. Está previsto que en maio deste ano estea operativa unha primeira fase do sistema, que permitirá monitorizar o 48% do territorio, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) definidas así no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellería do Medio Rural.

A nova rede despregarase aproveitando as infraestruturas de Retegal. Nesta primeira fase instalaranse cámaras en 34 centros de telecomunicacións do operador público, que facilitarán cobertura visual de 1,4 millóns de hectáreas, preto da metade do territorio galego

Os obxectivos principais da rede nesta primeira fase son a vixilancia remota e servir de apoio na extinción de incendios. En caso de detectarse un lume o sistema achegará información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permitirá xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para os labores de extinción.

A rede, anunciada polo presidente da Xunta no Parlamento como unha das 30 medidas na proposta de acordo forestal, xestionarase a través dunha plataforma tecnolóxica que facilitará a vixilancia remota dos montes desde un centro de control as 24 horas do día e permitirá aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles.

Investimento e evolución da rede

A posta en marcha e o mantemento da conta cun investimento de 2.026.000 euros ata 2022

Nunha segunda fase, e en base ás necesidades detectadas polos equipos forestais, definirase a ampliación da cobertura da rede. Ademais, a media que a evolución tecnolóxica ofreza novas solucións, prevese abrir unha consulta pública ao mercado para analizar a posibilidade de incorporar tecnoloxías innovadoras que melloren a eficacia do dispositivo ou permitan avanzar na detección temperá de lumes.

20 de febreiro de 2018 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.