publicidade hoxe

A Xunta inviste 255.000 euros en tarefas de melloras no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseParada de Sil
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao Mosteiro de Santa Cristina

Román Rodríguez na visita ao Mosteiro de Santa Cristina

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, no concello de Parada de Sil, onde o seu departamento vai impulsar diversas actuacións de conservación e de mellora da accesibilidade por valor de 255.529,72 euros. Na visita o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Insua.

O conselleiro salientou a importancia destas obras como parte das accións que a Xunta de Galicia está a desenvolver para impulsar que a Ribeira Sacra sexa recoñecida pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. Neste sentido, e como paso previo, compre lembrar que o departamento de Cultura do Goberno galego xa ten incoado o expediente de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) correspondente. Así mesmo, Román Rodríguez explicou que estes traballos van servir para facilitar o acceso dos visitantes a Santa Cristina, unha xoia de gran atractivo no corazón da Ribeira Sacra. Non en balde, este mosteiro foi incluído no devandito expediente de incoación como ben vinculado a esta paisaxe cultural; así como, entre outros, o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, que tamén visitou esta mañá.

As obras previstas, cuxa licitación do contrato se publicou o pasado 14 de febreiro no Diario Oficial de Galicia, resolverán as patoloxías máis importantes do conxunto e mellorarán as condicións de seguridade nos percorridos turísticos. Con este obxectivo, levaranse a cabo traballos de reordenación dos chanzos da escaleira de baixada ao mosteiro desde o aparcadoiro, así como a remodelación da rampla para facela accesible ás persoas con discapacidade física. Ademais, substituirase a cuberta actual por outra de similares características, faranse reparacións puntuais do forxado de madeira, da varanda e da galería, e procederase ao cambio do altar da igrexa por outro de menores dimensións, ademais de recolocar a lauda.

O inmoble que, está situado no lugar de Castro, parroquia de Caxide, ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento desde o ano 2009. O conxunto monástico, propiedade da diocese de Ourense, consta da igrexa, o único edificio completo, e do mosteiro, unha ruína consolidada. O Concello xestiona o inmoble, que ten un uso turístico e cultural e pode visitarse.

As primeiras referencias da existencia do mosteiro datan do século IX, cando pertencía á regra de san Frutuoso. No século X adoptou a de san Bieito, coa que gozou de gran esplendor ata o século XIV. Cos Reis Católicos, e debido á centralización monástica, Santa Cristina de Ribas de Sil perdeu importancia e converteuse en priorado de Santo Estevo, o que derivou nun cambio de usos e alteración da distribución orixinal das dependencias do mosteiro. Hoxe en día consérvanse a igrexa e dúas pandas do antigo claustro acaroado ao norte do templo pero remodelado en estilo neoclásico.

Melloras no mosteiro de Xunqueira de Espadanedo

O conselleiro achegouse tamén ao concello de Xunqueira de Espadanedo para visitar o conxunto monástico da localidade, conformado polo mosteiro, onde está situada a actual casa consistorial, propiedade do concello, e pola a igrexa, que funciona como templo parroquial.

Neste antigo mosteiro cisterciense do século XII, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, desde o ano 1981 a Consellería de Cultura e Educación acaba de iniciar obras de reparación do alero da fachada oeste, por valor de 10.300 euros, co fin de eliminar as filtracións de augas existentes neste punto do edificio. Ademais, o Goberno galego vai encargar a redacción do proxecto para a execución das obras necesarias no conxunto monástico, no que investiu desde os anos noventa máis de un millón de euros en actuacións de conservación e de mellora do inmoble.

Ano Europeo do Patrimonio Cultural

Dentro da celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, a Xunta de Galicia dedica o mes de febreiro á posta en valor da Ribeira Sacra, da que se iniciou o pasado mes de decembro de 2017 o procedemento para declarala BIC, como primeiro paso para ser recoñecida como Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco. A Ribeira Sacra está situada entre os ríos Sil e Miño e é unha das áreas xeográficas de Galicia con maior concentración de enclaves monásticos e cun rico patrimonio cultural, artístico e arquitectónico.

26 de febreiro de 2018 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.