publicidade hoxe

A Xunta destaca a boa acollida do programa de correspondentes entre o alumnado da Universidade da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Cecilia Vázquez no encontro cos universitarios participantes

Cecilia Vázquez no encontro cos universitarios participantes

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, mantivo na xornada de hoxe un encontro co alumnado da Universidade da Coruña (UDC) que durante o actual curso 2017-2018 exercerán como Correspondentes Universitarios entre os seus compañeiros e compañeiras de estudos. Neste ano académico o número de persoas matriculadas na UDC inscritas nesta iniciativa aumentou un 35% ao pasar de 8 a 11, o que permitirá que a información xuvenil chegue a un maior número de facultades.

No encontro cos participantes neste programa, Cecilia Vázquez explicou que o obxectivo do mesmo “é facer máis accesible a información xuvenil aos alumnos das universidades galegas”. Para iso, cóntase coa colaboración de estudantes que de maneira voluntaria xestionan un punto informativo en cada facultade e dan difusión entre os seus compañeiros á información que se lles fai chegar desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Ao respecto, a directora xeral sinalou que os Correspondentes Universitarios “son os nosos mellores embaixadores nas aulas universitarias porque son os mellores transmisores da información de interese para a xente nova e ninguén mellor que un mozo ou moza para dar conta desta información a outro mozo ou moza”.

O departamento autonómico de Xuventude recoñece o traballo dos participantes nesta iniciativa a través de formación en materia xuvenil; a entrega de maneira gratuíta dos carnés xove, o internacional de estudante e o de alberguista. Ademais, reciben certificado no que se acredita o tempo que dedicaron como persoas voluntarios, así como a experiencia e competencias adquiridas a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude.

Pola súa banda, a Universidade da Coruña outorga aos Correspondentes Universitarios ata un máximo de tres créditos europeos (ECTS) polo seu labor.

A Consellería de Política Social, por medio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ten asinado dous convenios coas universidades da Coruña e de Vigo para o desenvolvemento desta iniciativa que tamén hai intención de estendela á Universidade de Santiago de Compostela.

21 de febreiro de 2018 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.