publicidade hoxe

A Xunta avoga polo diálogo e o consenso para formular propostas duradeiras fronte ao desafío demográfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González Méndez, participou hoxe nunha xornada sobre envellecemento da poboación organizada polo Instituto Español de Analistas Financeiros (IEAF) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) no que foi a primeira actividade da recentemente constituída delegación autonómica do IEAF. A xornada celebrouse no Centro Abanca Obra Social da capital galega e contou coa presencia, entre outras persoas, de Emilia Vázquez Rozas, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e presidenta da Delegación do IEAF na Comunidade; a catedrática de Historia Económica da USC e vicepresidenta do Observatorio Galego de Dinamización demográfica, María Xosé Rodríguez Galdo; ou Jorge Aboal Viñas, director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Na súa intervención, Amparo González sinalou que a cuestión demográfica “é un dos maiores retos que temos por diante”, engadindo que non é exclusivo de Galicia senón que tamén implica a outras rexións españolas e europeas. Neste sentido, apuntou que hai que traballar nunha dobre liña: por unha parte abordar os impactos do cambio demográfico e por outra crear as condicións que permitan reverter a tendencia negativa que se arrastra desde hai tres décadas, tendo en conta os cambios sociais, culturais e económicos que se teñen producido na sociedade.

Ademais, a directora xeral defendeu a necesidade de que se afronte a situación demográfica como un pacto de Estado, “con medidas que xurdan do máximo consenso posible para que poidan perdurar no tempo e non se limiten a unha lexislatura”. No caso de Galicia, apuntou, que estas propostas deberán ter en conta aspectos como a dispersión da poboación.

Neste contexto da busca permanente de acordos, de colaboración e diálogo enmarcou a última medida adoptada polo Executivo autonómico como é posta en marcha do Observatorio Demográfico, un órgano colexiado de asesoramento e participativo no que están representados todos os sectores da sociedade galega: as universidades, as centrais sindicais, o empresariado, os concellos ou os grupos parlamentarios, ademais de persoas expertas e membros de institucións e organismos tanto de ámbito autonómico como nacional.

Amparo González explicou os obxectivos fundamentais do Observatorio e insistiu en que órganos como estes son moi necesarios porque “o consenso é imprescindible se queremos abordar en serio e con maiores perspectivas de éxito o desafío demográfico”.

Por último, a directora xeral tamén se referiu as actuacións específicas de apoio ás familias e á natalidade e de mellora da conciliación que está a desenvolver o Goberno galego, pois “contribuíndo ao benestar das familias estamos tamén poñendo as bases para afrontar a recuperación demográfica”, afirmou. Así, entre outras accións referiuse a algunhas melloras que se introducen este ano 2018 no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), entre outras: a extensión da Tarxeta Benvida ata os 3 anos para familias con ingresos non superiores aos 22.000 euros anuais, a ampliación dos bonos Concilia e Coidado, o aumento dos recursos de conciliación no rural coa apertura de máis Casas Niño e nas contornas empresariais co financiamento de novas escolas infantís ou maiores bonificacións nas taxas das escolas infantís para o 2º fillo ou filla e 3º e sucesivos.

8 de febreiro de 2018 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.