publicidade hoxe

A Xunta avanza a próxima licitación das obras de rehabilitación de oito edificios no conxunto histórico de Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzosGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Xunta licitará proximamente as obras de rehabilitación de 8 inmobles da súa propiedade no conxunto histórico de Betanzos, tal como anunciou hoxe o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, no Parlamento de Galicia.

García Porto anunciou a próxima licitación das obras de rehabilitación dos inmobles emprazados nos número 45, 47 e 49 da rúa da Cerca, 3, 4 e 6 da rúa Cortaduría, Rúa Nova 75 e rúa da Torre 17, cun investimento total de 2,6 millóns de euros e o obxectivo de acadar 13 vivendas e 1 local comercial. Estes 8 inmobles sumaranse aos tres que xa se atopan en rehabilitación emprazados nos números 9 3 13 da rúa da Cerca e no número 13 da rúa Clérigos, e nos que a Xunta está a investir preto de 1,1 millóns de euros. Desa forma concluirase a rehabilitación de todos os edificios de propiedade da Xunta de Galicia na vila coruñesa.

Eses edificios foron adquiridos polo Goberno galego co investimento de máis de 560.000 euros, agás un, que foi cedido gratuitamente e sen condicións polos seus antigos propietarios, que non podían facer fronte á rehabilitación do mesmo.

O director xeral recordou tamén que a Xunta investirá este ano 500.000 euros na adquisición de novos inmobles no conxunto histórico de Betanzos para proceder á súa rehabilitación. Con tal fin, o pasado 12 de xaneiro fíxose pública unha oferta de adquisición de inmobles, cuxos propietarios poden ofertalo á Xunta ata o próximo 22 de abril. O departamento autonómico está interesado en inmobles en estado de ruína ou semirruína. Despois de formalizar a adquisición redactaranse os proxectos e procederase á rehabilitación dos mesmos cun investimento previsto de 1,6 millóns de euros.

O importe total da intervención directa da Xunta no conxunto histórico de Betanzos suma máis de 6,3 millóns de euros entre os inmobles xa adquiridos, os que se van a mercar e a rehabilitación dos mesmos.

Por outra parte, o director xeral lembrou que a Xunta e o Ministerio de Fomento levan concedido axudas por importe de 1,2 millóns de euros para a rehabilitación de vivendas por parte dos seus propietarios, así como obras de urbanización e reurbanización realizadas polo concello, no ámbito da área de rehabilitación do conxunto histórico de Betanzos.

Ademais, salientou que dúas parroquias de Betanzos tamén se poden beneficiar das axudas da área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, xa que polas mesmas transcorre o Camiño Inglés.

15 de febreiro de 2018 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.