publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta apoia o programa integrado Carbaemprega que mellorará a inserción laboral de 85 desempregados do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Carballiño
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe no Carballiño acompañada do alcalde, Francisco Fumega, na presentación do programa integrado de emprego Carbaemprega, unha iniciativa apoiada desde a Xunta e a través da cal 85 alumnos e alumnas da localidade ourensá recibirán durante un ano formación para incrementar as súas oportunidades laborais. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá máis de 200.000 euros nesta actuación coa que prevé que un 40% dos participantes acaden a inserción no mercado de traballo.

Os alumnos e alumnas de Carbaemprega levarán a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, ao tempo que desenvolverán accións específicas de formación en tres especialidades: industrial con técnicas de soldadura, operacións básicas en restauración e atención sociosanitaria. A través destes itinerarios, ademais de incidir na formación, executaranse accións dirixidas á prospección empresarial e á orientación laboral dos participantes.

Os programas integrados de emprego financiados pola Administración autonómica, que teñen un ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

A Xunta este ano está a poñendo en marcha na provincia de Ourense 6 plans integrados de emprego nos que inviste case 1,2 millóns de euros para incrementar as oportunidades laborais de máis de 500 persoas sen emprego.

Díaz Mouteira destacou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego. Neste senso, puxo en valor a cooperación entre a Xunta e as administracións locais para apoiar ás persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.

O Goberno galego, a través desta folla de ruta, vén activando ao longo deste ano diversos programas e axudas enfocados a ampliar as oportunidades laborais dos galegos e galegas como son os cursos de formación, os obradoiros ou as lanzadeiras de emprego.

20 de febreiro de 2018 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.