publicidade hoxe

A Xunta apela á responsabilidade á hora de valorar os controis de saneamento gandeiro que converteron a Galicia nun referente en España e Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Medio Rural destaca o éxito das campañas de saneamento gandeiro que se levan a cabo en Galicia. Tras as declaracións aparecidas nos medios de comunicación, este departamento quere apelar á responsabilidade xa que se está a poñer en dúbida o bo facer dos técnicos e especialistas da Xunta, así como en xeral todo o sistema sanitario animal da comunidade e, por conseguinte, a calidade dos nosos produtos.

Non hai que esquecer que Galicia é pioneira en España e en Europa na aplicación destes programas e, polo tanto, non admitimos que se cuestionen os procedementos a seguir nin o traballo dos veterinarios oficiais.

O funcionamento do noso programa de control gandeiro está avalado polos resultados obtidos nos últimos anos, que non fan máis que mellorar o status sanitario no noso territorio. O pasado mes de outubro logrouse a consideración para Galicia de rexión oficialmente indemne de brucelose bovina, unha catalogación lograda despois de anos de traballo e estritas medidas de control. Sumouse así á consideración que a nosa comunidade xa ten dende 2013 como zona libre de brucelose ovina e cabrúa. O mesmo sucede coa perineumonía contaxiosa e a leucose, ambas enfermidades bovinas que grazas á súa desaparición sobre o noso territorio, actualmente só se mantén un programa de vixilancia.

Todas estas catalogacións son importantes para certificar a calidade cárnica galega e para facilitar as posibilidades de exportación do sector. Ademais, obviamente, ten beneficios directos para os gandeiros xa que reducen os costes por perdas e o peso das campañas de saneamento sobre as explotacións.

Novos retos

Por iso queremos seguir mellorando, agora coa tuberculose como obxectivo. De feito, neste mes pediremos á Unión Europea a declaración de Pontevedra como provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina, tras seis anos sen practicamente casos confirmados. A nosa intención é que o resto de provincias galegas se sumen pronto a esta certificación e para iso precisamos, como ata agora, a colaboración dos gandeiros que serán os primeiros beneficiarios e apelamos á responsabilidade de todo o sector para seguir mellorando.

9 de febreiro de 2018 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.