publicidade hoxe

A Xunta adxudica nove locais comerciais ao Concello de Lugo emprazados en edificios rehabilitados do barrio da Tinería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia adxudicou ao Concello de Lugo, en réxime de arrendamento, un total de nove locais comerciais emprazados en edificios rehabilitados no barrio lucense da Tinería.

O obxectivo desta adxudicación é que o concello os destine a actividades económicas que faciliten a dinamización económica e social da zona por medio de actividades comerciais e de emprendemento.

O adxudicación realízase por un prazo de cinco anos, prorrogables por períodos anuais e o concello poderá subarrendalos, sempre que se destinen ás actividades previstas.

Os locais están emprazados nas seguintes rúas: Recanto do Miño, 8 e 15; Miño, 26 e 32; Tinería 36, 24 e 44; e Praciña da Universidade, 3 (2 locais)

En total, os locais adxudicados dispoñen dunha superficie de 355,46 metros cadrados, oscilando entre os 18,90 do máis pequeno e os 70,10 metros cadrados do máis grande. O concello pagará un alugueiro de 15.161,16 euros ao ano, divididos en doce mensualidades, o que supón unha media de 3,55 euros por metro cadrado e mes.

Rehabilitación en 2018

O Goberno galego prevé iniciar este ano as obras de rehabilitación de catro inmobles emprazados nos número 15 e 30 da rúa Tinería e en Recanto do Miño 11-13 e 17.

A obra de rehabilitación de Tinería 15 xa foi adxudicada o pasado 11 de novembro, pero aínda non se puido comezar por non dispoñer da preceptiva licenza municipal de obras, que foi solicitada hai máis dun ano, en xaneiro de 2017, e as taxas de solicitude pagadas en maio.

Polo que respecta á rehabilitación dos outros tres inmobles, a mesma foi licitada no mes de decembro pasado e publicada no Diario Oficial de Galicia do 7 de decembro de 2017. As ofertas presentadas están actualmente en fase de información técnica e prevese a súa adxudicación próximamente. A licenza municipal de obras tamén está pendente de concesión no caso de Recanto do Miño 11-13. No caso de Tinería 30 e Recanto do Miño 17, as licenzas serán pagadas e recollidas pola empresa adxudicataria da obra, tal como se comunicou ao concello na solicitude das mesmas.

Oferta pública de adquisición

Por outra parte, o pasado 12 de xaneiro a Xunta realizou unha oferta pública para a adquisición de novos inmobles para rehabilitar no barrio da Tinería. O Executivo autonómico investirá 500.000 euros na adquisición e posteriormente destinará arredor de 1,4 millóns de euros á rehabilitación dos inmobles adquiridos, co obxectivo de obter arredor de 9 novas vivendas.

Os propietarios interesados en ofrecer as súas propiedades teñen de prazo ata o 22 de abril para presentar as súas ofertas.

Os inmobles que adquira a Xunta deberán estar situados no barrio da Tinería e reunir uns requisitos mínimos que permitan que as novas vivendas teñan condicións óptimas de habitabilidade; non estar afectadas por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación; e estar inscritos no Rexistro da Propiedade.

15 de febreiro de 2018 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.