publicidade hoxe

A Xunta achega ao estudantado das universidades galegas a campaña ‘Cultivando a autoestima’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, está a estender a campaña ‘Cultivando a autoestima”. Trátase dunha campaña de sensibilización enfocada a que a mocidade non se sinta atrapada por modelos estereotipados de beleza afastados da realidade e a favorecer un desenvolvemento libre e propio da personalidade de cada un fronte a patróns vinculados á publicidade e ao consumo de produtos que non se corresponden coas necesidades reais.

A responsable do departamento autonómico de Xuventude, Cecilia Vázquez, participou hoxe na posta de largo desta iniciativa na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Durante este mes de febreiro a proposta de Cultivando a autoestima tamén estará presente nos campus da Coruña e Ourense, así como nos Institutos de Ensino Secundario do Sar (Santiago) Agra de Raíces (Cee), Cambados. Montecelo (Pontevedra) e Politécnico de Vigo. Os grupos de pais e nais do concello de Cee, o Centro de Formación Profesional de Portovello (Ourense), a Biblioteca Intercentros de Lugo ou o albergue de Gandarío (Bergondo) coincidindo co encontro de correspondentes xuvenís, son outros escenarios nos que estará presente esta campaña ao longo das vindeiras semanas.

Na súa intervención, Cecilia Vázquez defendeu a importancia desta acción para que “a xuventude tome conciencia e celebre que a verdadeira beleza radica nas diferenzas e na diversidade de cada un, que é o que nos fai únicos e especiais”. Neste sentido, explicou que o que se procura con esta campaña é que “a xente nova gañe en autoestima, o que lles permitirá medrar máis felices, sen complexos e con maior liberdade e autonomía para xerar os seus propios estilos fronte a patróns máis vinculados ás modas, ao marketing e ao consumo polo consumo e non para satisfacer necesidades reais”.

Cultivando a autoestima está vencellada ao programa Gústate e se desenvolve a través dos centros Quérote da Xunta de Galicia mediante accións na rúa con, mesas informativas e presenza nas redes sociais nas que se convida aos mozos e mozas a publicar fotos e mensaxes co material divulgativo da campaña co cancelo #relacionenpositivo.

A iniciativa pretende realizar unha analoxía entre a diversidade das plantas e das persoas porque non existen dúas plantas ou dúas persoas iguais e mentres que as modas pasan, as plantas e as persoas perduran. Así pois, faise uso da metáfora do que é o mundo das plantas e os seus coidados para que poidan medrar de forma saudable co mundo das persoas e a visión que teñen de si mesmas, para que poidan construírse de forma libre e ter unha estima persoal satisfactoria.

Ademais dos centros e localidades antes sinalados, Cultivando a autoestima tamén estará presente nos IES Antón Losada (A Estrada), as Ínsuas (Muros) e Sánchez Cantón (Pontevedra); na residencia de estudantes Meixoeiro (Vigo) ou no Centro Universitario Riazor.

O Goberno galego quere impulsar os centros Quérote+ como espazos de referencia de información, formación e asesoramento en materia de autoestima e imaxe corporal de xeito que se reforce a intervención dos técnicos deste servizo ao longo do ano, tanto a nivel individual como grupal e comunitario. De maneira individual, por medio da consulta das persoas usuarias, ben sexa de xeito presencial, por vía telefónica, en liña ou a través de mensaxería instantánea. E de maneira grupal, mediante accións formativas coa mocidade, familias e profesionais.

Durante o exercicio 2017 os centros Quérote+ deron resposta a 144 consultas sobre esta temática e impartiron 28 obradoiros neste ámbito -26 en centros educativos e en 2 concellos- sumando un total de 631 participantes.

6 de febreiro de 2018 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.