publicidade hoxe

A UE escolle a Galicia para participar nun foro que avalía as posibles consecuencias do brexit nas rexións europeas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Representantes da Xunta de Galicia participan hoxe en Bruxelas nun foro que avalía as posibles consecuencias e o impacto territorial da saída do Reino Unido da Unión Europea. A comunidade de Galicia é a única de España que foi invitada polo Comité das Rexións para amosar a súa opinión ao respecto do Brexit, especialmente en relación ao seu impacto sobre o sector marítimo-pesqueiro e para plasmar os aspectos sometidos ás incertezas que supón o proceso.

Deste xeito, Galicia enriquecerá coa súa experiencia os debates que se realicen no marco do foro que foi deseñado para expor diferentes estudos de carácter económico e de mercado realizados polo Comité das Rexións e pola Universidade de Birmingham e así compilar o parecer das diferentes rexións e sectores económicos.

Galicia fixo fincapé no impacto que sobre os eidos sociais e económicos pode ter un Brexit duro no relativo ao acceso ás augas británicas e á complicación que pode supor o carácter deste aspecto en rexións ultraperiféricas como Malvinas. Neste senso, apuntou a incerteza que pode traer este proceso para os buques de bandeira británica pero capital galego, destacando a importancia dos investimentos realizados neste eido.

Ademais, sinaláronse as dificultades dos novos sistemas de decisión que en materia de xestión e ordenación pesqueira haberá que pór en práctica, especialmente no reparto de cotas no seo da Comisión de Pesquerías do Atlántico Nororiental (NEAFC), sobre todo tendo en conta que a reasignación de cotas para a frota británica foi unha das bandeiras nas que o sector pro-Brexit baseou a súa campaña. Tamén foron apuntadas as afectacións que a saída do Reino Unido pode ter sobre a consecución de obxectivos da Política Común de Pesca, como a minoración de descartes ou o Rendemento Máximo Sustentable.

O resto das comunidades autónomas españolas están representadas neste workshop a través da Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), unha asociación de 160 rexións de 24 países de Europa e a súa contorna, que tamén participa no encontro. Así, aportaron as súas inquedanzas rexións europeas de Alemaña, Rumanía e Suecia. Tamén os diferentes representantes do sector privado, como as entidades bancarias ING, KBC ou o Porto de Zeebrugge (Bélxica).

Accións da Xunta

Cabe recordar que a Xunta de Galicia vén participando activamente en diversos foros que se veñen organizando desde que se tivo coñecemento do Brexit. Neste sentido, desde a Xunta veuse traballando desde o primeiro momento na avaliación do posible impacto deste proceso na economía pesqueira. Por iso, tan pronto se coñeceu que o Reino Unido quería saír da Unión Europea, a Consellería do Mar encargou un informe ao Instituto Universitario de Estudos Europeos, “Salvador de Madariaga”, da Universidade da Coruña, para avaliar as consecuencias do Brexit para a pesca galega.

Tamén se solicitou outro informe á profesora de Economía Aplicada e experta en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago, María do Carme García Negro, para analizar aspectos do eido económico como o posible impacto por cese da pesquería e de acceso ás augas, principalmente dos buques que faenan en augas británicas e malvinas. Ademais, estanse a aproveitar diferentes oportunidades para buscar rexións e estados membros aliados na defensa de intereses comúns. De feito, fomos a primeira comunidade que asinou a declaración de apoio ás comunidades pesqueiras que promove a Alianza Pesqueira Europea.

A maiores, Santiago acollerá vindeiro luns día 26 un seminario no que distintos países europeos poñerán en común a información de interese e sumarán argumentos para a defensa do mar nas negociacións do Brexit. Nel participarán representantes do sector de Galicia e do resto de España e tamén de países como Holanda, Alemaña, Bélxica, Francia e Irlanda, países que teñen intereses comúns na defensa dos sectores do mar.

O foro que se celebra hoxe dá continuidade ao celebrado a mediados de novembro do ano pasado en Cardiff, no que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e no que se avaliou tamén o impacto que terá nas comunidades da Europa periférica e marítima, como Galicia, a saída do Reino Unido da Unión Europea. Naquel encontro asinouse a Declaración de Cardiff, un documento aprobado pola Asemblea Xeral da CRPM que recolle o posicionamento e as reivindicacións destas rexións ante o Brexit.

A participación de Galicia neste foro é unha mostra máis do papel activo que está a ter a nivel europeo á hora de defender os seus intereses durante as negociacións entre a Unión Europea e o Reino Unido e ante o novo escenario que se abrirá cando estas rematen. Boa proba desta implicación é que Galicia lidera un grupo de traballo específico sobre o Brexit na Comisión do Arco Atlántico.

20 de febreiro de 2018 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.