publicidade hoxe

A segunda semana do festival do Gaiás ‘Escenas do Cambio’ arranca o xoves convertendo nunha cova o Teatro Principal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A programación do Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción ‘Escenas do Cambio’ ergue de novo o pano este xoves, día 8, espallando a súa programación do Gaiás ao centro da capital galega coa peza do coreógrafo portugués Miguel Pereira ‘Miguel Meets Karima’, na Sala Agustín Magán no Centro Sociocultural de Santa Marta; e con ‘Light Years Away’, creación da artista Edurne Rubio que transformará nunha cova o Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Esta artista burgalesa, afincada en Bruxelas, pretende que os espectadores se sintan nesta obra verdadeiros espeleólogos nunha viaxe non só á memoria da súa familia —que formou parte nos anos 50 e 70 do século pasado do grupo de Espeleología Edelweiss— senón tamén da memoria da historia de España, xa que nas súas inmersións baixo terra podían abordar e falar de temas, que aínda estaban baixo o lente vixiante e férreo da censura nesta época do tardo-franquismo.

Esta segunda semana de ‘Escenas do Cambio’ tamén permitirá gozar dos últimos traballos de dous coreógrafos de referencia da nova danza portuguesa e galega, como son Miguel Pereira e Estela Lloves, que na peza que trae ao festival ‘O tempo como dobrado un corpo’ colabora coa compositora Hada Benito que logra facer música cunha vella bicicleta.

‘Escenas do Cambio’ tamén traerá por primeira vez a Galicia a emblemática obra de Xavier Le Roy, ‘Self Unfinished’, peza fundamental da danza moderna, chea de intelixencia pero tamén de humor e que permitirá gozar o día 9, no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, dunha das obras máis valoradas da danza mundial actual.

A guerra de Siria e a música de Maria Arnal e Marcel Bagés para pechar o festival
Na liña inherente ao festival de darlle voz a creacións que dificilmente teñen saída nos circuítos escénicos máis convencionais, o último día de ‘Escenas do Cambio’ posibilitará ver ‘Displacement’, de Mithkal Alzghair sobre os efectos devastadores da guerra en Siria.

A música será a encargada de pór o peche, o 10 de febreiro, no Museo Centro Gaiás, á edición deste ano de ‘Escenas do Cambio’. Maria Arnal e Marcel Bagés traen á Cidade da Cultura o seu último traballo ’45 cerebros y 1 corazón’ cun directo con novos matices electrónicos pero no que se lle dá continuidade a cadea de transmisión da cultura popular, que ten marcado o seu persoal estilo.

En www.escenasdocambio.org pódese consultar polo miúdo a información destes seis espectáculos, ao igual que a posibilidade de adquirir as entradas www.escenasdocambio.org

Rede internacional de colaboradores

A edición de 2018 de ‘Escenas do Cambio’ continúa afianzando a súa rede internacional de colaboradores, colaborando con entidades que van desde o ámbito local ao internacional. Así, neste ano colaboran o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música ( INAEM), o Institut Français, o Instituto Camões da Cooperação e da Lingua en Vigo ou o Istituto Italiano di Cultura di Madrid.

Precisamente, as directoras destas dúas últimas institucións, Laura Pugno e Carla Sofia Amado, desprazáronse á Cidade da Cultura para coñecer de primeira man o desenvolvemento do festival co que colaboran e manter unha reunión coa súa directora-xerente, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e a dirección de Acción Cultural, María Pereira Otero.

Desde Galicia, colaboran tamén no festival a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Concello de Santiago de Compostela.

5 de febreiro de 2018 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.