publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A SantYaGo10K formará parte da I edición do Circuíto de Carreiras “Cidades Patrimonio da Humanidade”

Esta mañá presentouse en Sevovia o I Circuíto de Carreiras “Cidades Patrimonio da Humanidade”, actividade que organiza o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España en colaboración con EDP e Paradores, con motivo da celebración en 2018 do 25 aniversario da creación da rede que reúne as 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco. Santiago, que xa dispón do seu Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan, suma unha das súas probas, a nocturna SantYaGo10K, a este calendario. Será o 28 de abril.

O obxectivo principal do Circuíto é dar a coñecer as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade a través das carreiras populares e, á súa vez, fomentar a actividade física e deportiva, propiciando a ocupación do tempo de lecer nunha das prácticas deportivas máis comúns e fáciles de levar a cabo como é a carreira a pé. As carreiras que integran o I Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade terán lugar ao longo de 2018 nas 15 cidades que integran o Grupo anteriormente mencionadas e transcorrerán total ou parcialmente na zona patrimonial de cada cidade.

O I Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade desenvolverase dende o 18 de febreiro, día en que arranca en Segovia a Carreira Monumental Cidade de Segovia, ata o 8 decembro de 2018, en que a Cursa Popular Eivissa Patrimoni de la Humanitat pecha a serie de probas. As carreiras cobren distancias que oscilan entre o 10 quilómetros e a media maratón, e das 15 que integran o Circuíto será necesario finalizar polo menos en cinco delas para optar á clasificación final.

Inscricións

Poderán tomar parte no I Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade todas as persoas que teñan cumpridos 18 anos o mesmo día de comezo da primeira das probas que compoñen o circuíto, sendo obrigatoria a inscrición dos corredores a través do formulario online aloxado na páxina web do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España: www.ciudadespatrimonio.org. A inscrición a este Circuíto non supón a inscrición automática nas diferentes carreiras que compoñen o circuíto, senón que cada participante deberase inscribir de forma individual naquelas nas que desexe participar de acordo ás condicións e prazos establecidos para iso por cada unha das entidades organizadoras das mesmas.

Premios

Establécense dúas categorías: categoría absoluta masculina e feminina, e a puntuación final será o resultado da suma das puntuacións obtidas en todas as probas en que participase, de acordo ao Regulamento, a condición de que se acredite finalizar un mínimo de cinco carreiras. Ademais dos premios que cada deportista obteña en cada unha das carreiras en que compita, definidos polos organizadores, os/as participantes no I Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade poderán obter os seguintes premios, outorgados por EDP e Paradores, tanto en categoría absoluta masculina como feminina:

- Primeiro clasificado: Un premio en metálico de 1.000 euros; Premio EDP, consistente nun ano de electricidade renovable gratuíta; e Premio Paradores, consistente en dúas noites de aloxamento en media pensión nun parador.

- Segundo clasificado: Premio Paradores, dúas noites de estancia en aloxamento e almorzo nun parador.

- Terceiro clasificado: Premio Paradores, unha noite de estancia en aloxamento e almorzo nun parador

Ademais, aos 100 corredores mellor clasificados que finalicen un mínimo de cinco carreiras das que compoñen o I Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade entregaráselles un premio especial, consistente nunha bolsa mochila con material informativo sobre as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, unha camiseta 25 Aniversario e obsequios EDP.

Os resultados provisionais e definitivos, así como calquera información de interese sobre o Circuíto e das probas que o compoñen, faranse públicos na páxina web do Grupo.

14 de febreiro de 2018 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.