publicidade hoxe

A Rede Galega de Música ao Vivo achégalle 18 concertos ao público compostelán ata maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendario
A-
A+

Santiago de Compostela é unha das 14 localidades galegas que contan con salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, dentro da que a capital galega acolle 18 concertos ata o mes de maio. Entre eles, o directo que a Bakin Blues Band ofrecerá mañá, ás 22,00 h., na Borriquita de Belém, local que programará nove destes directos.

Do circuíto da Xunta de Galicia tamén forman parte Moon Music Club, con seis actuacións neste primeira carteleira de 2018, e Casa das Crechas, con tres, así como a Sala Capitol, que programará os seus concertos de rede na segunda metade do ano.

Estes locais composteláns son catro dos 23 seleccionados para a nova etapa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co fin de contribuír á estabilidade na programación de música en directo en salas privadas, con especial atención aos grupos e artistas galegos.

Cartel 100% galego

De feito, todas as formacións que actuarán en Santiago durante esta primeira metade de 2018 son galegas e dan conta, ao tempo, dun amplo abano de xéneros musicais que van do pop e rock ao jazz, rap, folk ou mesmo flamenco. Na Borriquita de Belém, ademais da devandita Bakin Blues Band e de Factoría de Subsistencia (que tocou o pasado día 30), presentaranse Nani García Trío (27 febreiro), Los Fantásticos del Morrazo (8 marzo), Alberto Vilas Quartet (13 marzo), Silvia Penide (7 abril), David Regueiro Trio ft. Albert Bello (28 abril), Mad Martin Trío (3 maio) e Juyma Estévez Trío (15 maio).

Pola súa banda, a Moon Music Club programará en rede a The Fabulous Resaca Brothers (24 febreiro), Presumido (9 marzo), Kelibén (24 marzo), Victor Aneiros (6 abril), Dakidarría (20 abril) e Los Fantásticos del Morrazo (5 maio). Na Casa das Crechas tivo lugar o pasado día 25 o concerto de Tato Trío, mentres que Aldaolado actuará o 22 de marzo e Mónica de Nut o 29 de marzo.

Tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector, a Xunta promoveu o inicio en 2018 dunha nova xeira da Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de reforzar os seus estándares de profesionalidade e calidade. Con tal fin, a Agadic aumentou o seu investimento anual nela ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.

Esta cifra supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano, xa que o 15% restante lles corresponde ás 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos previstos en toda Galicia dentro deste circuíto.

7 de febreiro de 2018 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.