publicidade hoxe

A rede CeMIT organiza unha xornada sobre a xestión en liña na sede electrónica para entidades deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral para o Deporte organizan o 9 de febreiro a xornada “Faite dixit@l e tramita nun clic – Rexistro de Entidades Deportivas”, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, e poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia en horario de 12:00 h a 13:30 h.

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de emprazar a máis de 8.000 entidades deportivas de Galicia a actualizar a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas, de conformidade coa Lei do Deporte de Galicia. Nas vindeiras semanas estas entidades deberán achegar online, a través da sede electrónica da Xunta, a documentación necesaria para cumprir o trámite.

O obxectivo da xornada, dirixida aos responsables dos clubes deportivos galegos, é facilitarlles as nocións básicas sobre o funcionamento da sede electrónica, clarexar posibles dúbidas, difundir os servizos dispoñibles na sede e indicarlles as canles para obter máis información en caso de que a precisen durante a realización da xestión.

O enfoque da xornada será eminentemente práctico con exemplos sobre emprego dos diversos sistemas de identificación e sinatura dixital admitidos pola sede, incluído o sistema Chave365, que evita o uso do certificado dixital.

Aulas CeMIT participantes na xornada

As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula CeMIT do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (https://cdtic.xunta.gal/) ou ben a calquera das aulas CeMIT

En total disponse de máis de 260 prazas para asistentes, das que 25 están dispoñibles presencialmente na aula CeMIT no CDTIC en Santiago de Compostela e o resto para seguir por videoconferencia.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

7 de febreiro de 2018 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.